Distancia ao lume

Xan Silvar EN POSITIVO

FERROL

16 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Chove. A pouco máis dun mes da primavera, a choiva case recuperou a auga dos encoros e pozos, diminuídos a niveis extremos no pasado ano. Ao camiñar polas terras, síntese baixo os pés a brandura do solo enchoupado, gardador da humidade que as plantas precisan. Estes días de luz crecente, expectantes de primavera pese aos fríos e ás nevaradas últimas, anuncian xa o crecemento de polas e follas, do manto vexetal que esta terra da cando non falta auga. Dese manto forman parte as infindas hectáreas de arborado e mato que medran en Galicia sen control, incumprindo as distancias de seguridade contra o lume a plantacións, vías e, sobre todo, a vivendas e infraestruturas. Miles de casas, granxas, naves e instalacións están á distancia das lapas do próximo incendio; miles de veciños viven na inquedanza de escapar dos foxos do lume, coa incerteza do que restará dos seus bens, se os ventos azarosos e a desidia levan o fume e a calor sobre o seu, en negra sombra devastadora. O problema, como moitos deste país, é que hai leis, pero no relativo ao forestal, a maioría non se cumpren. Isto lembraba o alcalde de Ribadeo aos medios o pasado día 9. Tras publicar un bando en outubro de 2017, explicando o problema e solicitando aos seus veciños propietarios de montes o cumprimento das distancias de seguridade, tan so houbo unha única resposta voluntaria, o que seguramente pasaría no resto de concellos galegos. Así a corporación decidiu asumir a parte que lle toca, cun novo bando para as 676 propiedades concernidas. Ribadeo será o primeiro concello que proceda subsidiariamente ás cortas de seguridade, pasando o custo ás propiedades que non respondan. Procederá a Xunta a facer cumprir a lei?