Vacas

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

Avaquiña polo que vale». O destino me ten levado a vivir nun país de vacas. Cando cheguei aínda as vacas eran o centro da casa. Agora todo mudou e non son nin a sombra do que foron. Por exemplo a pensión dun vello medíase en pesos ou en vacas. «¿En canto me queda logo a pucha? Dous vellos e medio, por menos volve a casa».

Daquela unha vaca recibía máis atencións cun cativo. Sei que os pastores de vacas non son igual que os pastores de cabras, dos que falei onte. O país de vacas non é de secano. A auga do ambiente domina todas as cousas. «Nun principio todo era auga». O «arjé» do filósofo era a auga.

Non é que os galegos teñan lido a Tales de Mileto pero por obra e gracia da auga chegaron ás mesmas conclusións metafísicas. Galicia tamén é unha sociedade patriarcal (ou machista que se di agora) pero algúns confunden as estratexias femeninas cunha suposta sociedade matriarcal de amazonas.

As mulleres, seres intelixentes, das que de momento nacen homes patriarcais, veñen ensaiando estratexias femeninas para sobrevivir con algunha dignidade e outras comodidades. Traballar traballan como tractores e deron controlado dous sitios importantes: a cociña e máis a cama. O patriarca domina pero esqueceu os sitios onde se controla a comida e o sexo.

Unha contradición do poder. Non se pode estar en todo, dicíame un veciño a quen a muller tiña dominado. No mundo dos mariños e mariñeiros -non confundir- ademais do reparto de papeis están os tempos. As ausencias benefician o tempo das mulleres.