Unha ciencia para o entendemento mundial» é a proposta da UNESCO para celebrar hoxe o Día da Ciencia para a paz e o desenvolvemento. O organismo das Nacións Unidas para a educación, a ciencia e a cultura, lembra que a Ciencia é a ferramenta do coñecemento humano permite alimentar, sandar e mellorar a calidade de vida dos case sete mil seiscentos millóns de persoas que habitamos o planeta, conseguindo acadar unha calidade media de vida sen precedentes. Pero nin eses logros científicos son abordables por un so país nin, por desgraza, os seus beneficios chegan á maioría da poboación humana. Dificultades coma as grandes diferenzas entre países ricos e pobres, incluso as desigualdades crecentes entre grupos sociais dun mesmo país, condenan a demasiada xente a malvivir baixo os límites da pobreza, exposta a condicións de vida precarias, evitables con sistemas políticos e sociais máis xustos. A Ciencia e a súa derivada, a Tecnoloxía, permiten hoxe unha calidade de vida que pode chegar á xeneralidade, son as desigualdades provocadas polos humanos quen limitan esa realidade. Os conflitos bélicos, económicos e sociais representan un atranco real para o avance científico, ao limitar ou impedir a cooperación entre investigadores de distintos países. Nuns tempos nos que as vellas receitas amosan non solucionar problemas globalizados -cambio climático, limitación de recursos, necesidade de economías sostibles pola única Terra que temos- chamadas como a da ONU lémbrannos que hai camiños para axudármonos a vivir dignamente. A dificultade é como camiñar esas sendas de equidade cos atrancos de sistemas perversos e egoísmos de «pobos elixidos». Utopía? Quizá, pero é o que temos.