Música celestial

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

Agora se me deran a escoller entre Bach ou a música da choiva, pois descúlpenme que escolla o son da auga na pequena carballeira cabo da casa. Mesmo os eucaliptos soan cunha plenitude de respiración fonda. Veñen nubes. Quere por fin chover e poño Bach. O tellado semella un mundo novo.

Mentres chovía esquecimos moitas cousas que son menores. Asomamos os veciños a ver chover. ¿Que lles parece? Despois nos telediarios seguían coa matraca de Puigdemont, que unha velliña chamou «Paracetamol». «¿Que di hoxe Paracetamol?» preguntoulle ao fillo. E o fillo non lle corrixía. ¿Para qué? Cando comprei o xornal nin nos acordamos do «Paracetamol» e falamos do nivel da fonte, baixo mínimos, e de cánto ten aínda que chover para recuperar...

Mándanme fotos da primeira nevarada que chegou cubrir os montes Aquilianos. Unha neve medio grisalla, como de cinza, pero neve. Cumprimos o ano: «Polos Santos a neve nos altos». Escribirei ao Presidente Feijoo para lembrarlle que chegou o tempo de apagar lumes, facendo rozas, desbrozando pistas, decretando algo razonable sobre as distancias dos eucaliptos ás casas. Tamén escribirei ao responsable de Renfe para esta zona Norte: Os matos, as silveiras métense nas vías. É o propio tren quen ten que ir cortando as puntas das polas... ¡Ai! Se todo fora polo rego, isto é, polo legal...

Sei que os eucaliptos viñeron para quedarse, pero xa que están que estean na lei. Bendita choiva. A música dela case como Bach.

Unha chacona de choiva. Un gusto.