Estou de acordo coa miña panadeira, as veces temos unhas cousas... Ela, como as do seu gremio (case sempre mulleres) soe vender no seu despacho bolos, bolas, roscas, cornechos, pan de millo ou de centeo e sobre todo barras, moitas barras de pan. As barras, como as coñecemos do século pasado e o que vai deste, poden ser normais ou do país, as primeiras de trigo branco e as segundas cando levan unha fariña moura que as fai más sabedoras. Velaí que anos atrás apareceron unhas recen chegadas, máis finas e lixeiras, cun certo aire estranxeiro, de Francia concretamente, ás que a nosa Real Academia Galega da Lingua non puxo aínda nome, e a correspondente Española non rompeu a cabeza, e as aceptou co nome orixinal. Así, en castelán podemos pedir unha baguette, sen cometer incorrección lingüística algunha, mentres que en galego hai que facelo agachando un pouco a cabeza, sabedores de que estamos a pedir algo que non existe para a RAG. Mais polo que a miña panadeira non pasa é que algún cliente veña a pedirlle unha baguette do país. Alto aí! Vender estas fracas e cativas versións de pan trigo pode un pasar, porque pedir, a xente pídeas; pero de facer réplicas de pan alleo, a facelas coas mesturas que lle dean categoría «do país», pois non, ata aí se podía chegar. O outro día, chantouse a panadeira cun «diso non temos», en resposta á ousada clienta que lle pedía o imposible; a min, o seguinte na fila, retrucoume, «temos unhas cousas...» mentres me despachaba a miña barra do país. Con ela baixo o brazo saín, matinando nesta tendencia á mestura deste país, encaixado entre mares e terras, tan ávido do de fóra, e con tanta facilidade para facelo propio, «do país».