Escaso valor ecolóxico

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

Seguimos escoitando esta frase que me indigna: «matoxo de escaso valor ecolóxico». Agora foi con motivo do incendio no Xerte, a comarca estremeña famosa polas cereixas. Alí saben abondo que sen abellas non hai froito. E as abellas liban e fan o mel nas montañas cubertas dun manto de breixo ou carroucha. A flor de cor morada púrpura semella unha alfombra deslumbrante. Pero na TVE cando dan as noticias dos incendios teiman a dicir: «monte baixo de escaso valor ecolóxico». O manto de urces aguanta da escasa terra que hai e absorbe a auga da choiva. Se hai manto de breixo as escorrentías son menores. Estamos tan afastados do monte que non nos molesta a ignorancia sobre o seu ritmo vital e máis o servizo que presta.

Ás veces me pregunto se a ignorancia e simplemente non saber por preguiza ou malicia intencionada, a fin de que o espectador que ve as noticias non se preocupe demasiado. O equilibrio ecolóxico do que dependemos, e do que vivimos, é unha cadea de elementos ás veces mínimo. E dicimos mal usando a palabra «mínimo» porque estamos afeitos mentalmente ás parvadas de que o que vale é o grande. O mínimo na natureza non é igual que «cativo». E o grande en realidade é a suma de elementos mínimos. O monte cuberto de breixo, urces, non é nunca unha cousa mínima e menos «sen valor ecolóxico.» Pronunciando tal frase tamén lles damos ás ao pirómano, como se buscáramos atenuantes para ao delito do incendiario. Como dicía o humorista Gila: «Lo mató solo un poquito».