24, 26

Xan Rodríguez Silvar EN POSITIVO

FERROL

Cando se abran as páxinas deste xornal pode aínda flotar no aire o arrecendo a fume das fogueiras do San Xoán, aromas subidos ás alturas polo lume purificador e repartidos polos aires vagarosos entre as terras e as xentes da noite máxica. As manchas de tinta nas páxinas do xornal falarán en letras e imaxes do que pasou na Gran Bretaña tras o referendo decisorio sobre saír ou quedar no club europeo, diranos da decisión acordada polos habitantes desa terra amante da tradición e do libre albedrío sobre a súa permanencia a unha unión cuestionada por tantos frontes. Sexa cal sexa a decisión deses britanos do Norte, hai cambios necesarios nesta Europa necesitada de respostas a tantos retos sociais, económicos e xeopolíticos.

Tras asimilar o pasado nas illas, temos o compás de espera do sábado para decidir -quen non o teña claro- o voto para elixir aos nosos representantes. Os resultados reais expresarán, alén das enquisas, como queda traducida a votos e escanos a vontade común. Serán quen de dar esta volta unha solución de goberno os partidos políticos? Tras seis meses de contemplar esgrimas parlamentarias, de asombro e un exercicio gobernativo en funcións tomando decisións con alcance de décadas, a cidadanía necesita como o sol de Xuño acordos de goberno que pasen páxina a unha das etapas menos presentables da nosa historia recente. Queda apuntar a case nula presencia nos programas e debates desta campaña do medio ambiental. Ardan pneumáticos en Seseña, plántese eucalipto no último curuto, vivamos nunha permanente marea vermella nas rías, sexan os ríos canles nus espidos de auga, prorróguese sesenta anos a presencia de Ence en Pontevedra... O ambiental non existe, non conta.