Bandeiras ao vento

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

O amor ás bandeiras ao vento, o flamear das bandeiras creo que se chama, é una das figuras que non poden faltar nos himnos patrióticos. En fin que pasan os anos e aí seguimos coas bandeiras. Vin a foto, que deso se trata, de quitar unha foto, do noso alcalde flanqueado pola súa aliada socialista, arriando a bandeira de Europa. «Vaia polas ánimas», pensei.

Agora lle toca á bandeira de Europa. Tan noviña que non lle deron tempo a coller o sitio. Que eu recorde tan só un concello de non sei qué lugar dixo algo de que estaba disposto a acoller quince ou vinte familias de refuxiados. Tiñan as casas, as chabolas ou os lugares preparados. Falei cun amigo, xusto cando pasabamos por Cáritas: ¿Qué era mellor vinte mil refuxiados metidos nun campo de concentración (perdón, de acollida) ou telos distribuídos por moitas cidades, pobos e aldeas? Hai cuarteis baleiros sen soldados, hay seminarios sen seminaristas, conventos sen freires nin monxas, edificios oficiais sen xente. Aínda con camas, liteiras... cociñas, auga.

Ben tellados, algunha pinga pode que tamén... Falamos así o amigo e máis eu, imaxinando cómo faríamos nós no caso de ter que fuxir en masa ao país veciño. Pero é máis fácil arriar unha bandeira que flameaba tranquila ao vento que buscar unha casa para unha familia de refuxiados. Perdón, señor alcalde, pero non me gustou ese arriado con foto.

Tampouco son quen de criticar de primeiras a gregos, a austríacos ou a turcos... porque «Deus non me poña onde haiga».