«Como máis se aprende é traballando»

Bea Abelairas
B. abelairas FERROL

FERROL

Eva Ocampo, ante o centro no que estudiou comercio.
Eva Ocampo, ante o centro no que estudiou comercio. césar toimil< / span>

Recibiu o galardón o martes en Santiago xunto a catro estudiantes ferroláns máis

04 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Eva Ocampo (Vilalba, 1984) é unha das cinco estudantes ferrolás que acadaron un premios extraordinario polos seus estudos: tres son de bacharelato (Julia Boado, do Tirso; xunto con Yaiza Serantes e Carlos Rodríguez, do Concepción Arenal), mentres que en Formación Profesional ademais de Eva foi Javier Castro, do Leixa, o outro alumno que acadou un recoñecemento que só obtiveron vinte estudiantes en toda Galicia en cada unha das dúas categorías. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, entregou os premios o martes.

-¿Por que fixo este ciclo de FP?

-Eu son licenciada en Periodismo e quedei no paro despois de traballar nunha radio. Non quería estar sen facer nada e pensei que un ciclo coma este podía abrirme as portas dalgún traballo pola temática, comercio e márqueting, e porque tiña prácticas en empresas. Parecíame un bo camiño para volver ao mercado laboral noutro sector.

-¿Que lle pareceron os contidos?

-Penso que estaban moi comprimidos, cando eu estudiei era só dun ano e se daba moito en poucos meses. Algunhas asignaturas eran moi útiles e outras dependían do profesorado. Como pasa con case todo, como máis se aprende é traballando. Eu fixen as prácticas en Gadisa e aportáronme moito.

-¿Serviulle para atopar emprego?

-A verdade é que sí, fun a inscribirme a unha academia para preparar oposicións e tiven que explicar o meu perfil ao responsable. Despois de escoitar os meus títulos ofreceume o traballo no que levo un ano. Vamos, que entrei a matricularme como unha alumna máis e saín cun emprego de profesora. A combinación dos meus estudos, comunicación e márqueting, axudou moito.

-¿Que lle recomenda ao resto de estudiantes que están buscando traballo?

-Penso que un dos camiños máis intelixentes cando alguén se queda en paro é preparar oposicións. Hai que formarse de todas formas, pero a mellor alternativa pasa por presentarse ás convocatorias que vaian xurdindo.

-¿Como lle vai co seu emprego?

-A verdade é que ben, levo un ano e estou contenta, penso que son unha afortunada por poder empregar os coñecementos que adquirín nas dúas etapas da miña formación.