Contan que o mesmo día en que Constantinpla (Bizancio) foi conquistada polos turcos, os bizantinos andaban a discutir (levaban así anos) sobre o sexo dos anxos. Era un tema importante, esencial, pero como di a Biblia non eran momentos. Imaxino ao sultán turco contentisimo de ver aos seus inimigos embizcados nas discusións bizantinas. Imaxino tamén ao xeneral en xefe do exército bizantino na antecámara, agardando a que os teólogos do emperador rematasen a controversia sobre o sexo dos anxos. Contan que o xeneral quería mobilizar a miles de monxes e enchufados que pululaban por Bizancio «francos de ría». Hai exemplos nosos que se me parecen cada vez máis ás discusións bizantinas. Cada cidade discute asuntos que lle parecen vitais, igual que para os bizantinos era o asunto do sexo dos anxos. Descoñezo se a controversia sobre as procesións de Semana Santa trata do ritmo litúxico, das cores dos hábitos ou dos decibelios de cornetas e tambores. Tampouco teño claro que as procesións dean espantado aos «nosos Turcos» que cargan tan duramente contra as nosas vidas. A miña fe con ser moita non chega a tanto. Tamén podemos estar discutindo vinte anos sobre a peatonalización da Rúa Real. Sobre a praza de España. Todo o tempo que «Os turcos» nos deixen. Os bizantinos seguían a discutir con santa intolerancia. Cando lles anunciaron: «os turcos xa entraron». O Emperador preguntou: ¿qué turcos? O amor ás derrotas é semellante ao amor polas discusións bizantinas.