Chove chuva...

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

ando escribo estas palabras chove docemente, a auga cae vertical e lenta, coma sen presa por chegar a terra e, silandeira, desaparece con discreción entre os resecos terróns dun verán sen choiva. Chove dun xeito que evoca a canción do título. Cantada en portugués brasileiro, quizais a entoación máis acaida para a melancolía da tarde. Pero aínda que a letra cadenciosa tras Chove chuva, chove sem parar, pide Por favor chuva ruim, não molhe mais o meu amor asim..., a terra que diviso non pide tregua. Os campos beben con sede sen fin, coma se levasen -como levan- unha primavera e un verán sen as pingas precisas para medrar ben o millo ou a herba de ensilar, engadindo custes de produción a un sector leiteiro mal pagado.

Vexo como a herba parda do campo, que non rego, recobra o seu verdor con rapidez. Coa mesma que o perderá cando, de novo, deixe de chover quince días seguidos. Pois así é a xeoloxía da maior parte de Galicia, tan abondosa en terreos areosos coma escasa en freáticos potentes. Con ríos numerosos, pero curtos e aproveitados por quen manda -as eléctricas- así que a regulación da auga para consumo e outras industrias segue nas mans dos ceos que nos cobren. A predición do tempo di hoxe que hai un 70 % de probabilidade de chuvia para hoxe.Daquela, tras tres días chovendo, os ríos e encoros recuperarán algo de caudal, pero terase perdido máis auga no mar, en troques de converterse en cultivos ou leite. Mágoa de auga tardía! Lonxe de ser criadora, quizais teña estragado os últimos días de praia, festas ou terrazas mornas. Así chove a chuvia de Agosto.

C