Onte xoves a Organización das Nacións Unidas dedicou un deses días que poden pasar desapercibidos, entre tantas causas dignas de seren atendidas. Dende a perspectiva de Galicia, un país no que a demografía e o traballo cotizan tan á baixa, o Día mundial pola diversidade cultural e o desenvolvemento, que chama ao diálogo intercultural, pode semellar pouco acaído.
Mais a perspectiva dunha conmemoración pensada para destacar a importancia das culturas, especialmente as minoritarias, nestes tempos de globalización -favorecedora dunha «cultura única»- enlaza ben coa polémica recente sobre o devir da lingua galega, polo feito e o desfeito nos últimos anos de goberno autonómico. E a lingua é un tesouro da cultura que a mantén, e serve como indicador da estima ou desleixo polos valores propios, non mellores ou peores que os alleos, pero transmisores intanxibles dunha herdanza milenaria.
Tamén debe ser útil a invita ción ao diálogo pensando nas diferentes «culturas políticas» aspirantes a gobernar nos concellos. En dous días (este domingo, 24 de maio) este país vivirá unhas eleccións que poden mudar o modelo de alternancia de maiorías absolutas, e levar a unha situación onde o acordo dende a discrepancia sexa obrigado para a gobernabilidade.
Hai quen augura por isto problemas sen fin e catástrofes sen conta. Fronte a quen o ve deste xeito outros pensamos en tantos problemas creados por maiorías máis que absolutas, absolutistas.