Apalabra funcionarios é das máis bonitas. Non sei quen tivo a idea de facela funcionar por esta vida de ruidos. E digo ben o de ruidos, porque cando unha máquina se pon a funcionar, como lle compre, como que non nos molesta o ruido que mete. Aínda que mellor sería seguir inventando para facela o máis silenciosa posible. Unha amiga que tivo responsabilidades políticas anoxa do ruido electoral e pide unha miguiña de acougo e silencio.
Tan só pide que as cousas funcionen como teñen que funcionar. Entras na biblioteca e ao entrar xa notas polo silencio que funciona. Entras nun laboratorio e, agás o balbordo de algo que ferve, notas que alí as cousas funcionan. A amiga da que falo é partidaria dalgún silencio nas campañas electorais, pero a pobriña vai dada. Quere que lle falen dos funcionarios que fan funcionar as cousas da vida. Non adoitan ser cousas moi grandes e no medio do ruido electoral ninguén quere falar delas. Así que ela escapa dos mítines ruidosos e ponse a escoitar música para pensar con ritmo. ¿Notas que os candidat@s (¡que ben funciona esta nova letra@!) parece que están descubrindo o Mediterraneo? Pero fáltalles lecturas, isto é, horas de silencio para coller os libros que falan de fenicios, gregos, romanos e a biblia en verso. Non sei a canto sube o presuposto dos funcionarios municipais: ao 40%, ao 50%.. ?
O señor Lantry, que por certo é dos que falan baixiño e dá gusto oílo, podía dicirnos por cánto vai o presuposto de que as cousas funcionen. Sería ben que os candidat@s pensaran a cousa. Afacerse ao rolar da máquina é necesario, porque se notas un ruido raro, mellor chamar ao mecánico canto antes. Sabemos miña amiga e mais eu que non son grandes cousas, nin grandes obras. Non son faraonadas, pero a vida depende, a meirande parte dela, de que as pequenas pezas funcionen. ¡Ai, os funcionarios! ¡Qué palabra tan ben tirada!