Músicas

Xan Rodríguez Silvar EN POSITIVO

FERROL

21 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Ferrol ten sona de cidade cantareira, de tradición de musica e musicantes, permítaseme a licencia para referirme aos practicantes da música que, independentemente do seu oficio persoal, adican tempo e esforzos a practicar a máis esvaediza das artes. Gostaríame saber das causas desta querenza pola interpretación, sexa na modalidade de canto de bar, reunión de amigos ou familia, rondalla, coral, gaita en todos os seus formatos e outras modalidades. Sen remontarnos aos tempos dos mouros, probablemente tiveron moito que ver factores coma o tamaño e ocupación da poboación a partir do S.XVIII e a existencia de bandas militares con músicos profesionais. Que en 1787 fora a cidade máis poboada de Galicia, cuns 25.000 habitantes, permite imaxinar que estas xentes ocupaban con algo de música o tempo de lecer que tiveran: sería unha interesante viaxe no tempo poder ver o bulir do Ferrol de entón, onde e como se divertían os obreiros do estaleiro e do arsenal, onde e como o persoal técnico e militar. Eses miles de persoas, orixinarias de distintas partes de Galicia e España seguro que achegaron melodías, cantos e danzas que irían do popular ao culto facilitando probablemente mesturas e imitacións. Vaia, o da fusión musical daríase de sempre.

Por outra banda músicos militares enriqueceron ademais as orquestras que amenizaban as festas do século pasado, probablemente tamén as dos dous séculos anteriores; os gaiteiros terían doado incorporar outros instrumentos. É apreciable a implicación de músicos nacidos fóra de Galicia na dirección da coral do noso Toxos e Froles, aportando tamén composicións nas que captaron a esencia musical do país. Música en Ferrolterra, un tema a seguir.