«Narón ofrece calidade de vida»

FERROL

O rexedor sinala que o crecemento pasa por seguir apostando por incrementar os servizos

17 oct 2014 . Actualizado a las 11:36 h.

Recorda cando era neno que apenas había rúas asfaltadas en zonas agora comerciais, en crecemento e foco de novas familias como a Gándara, entón apenas un descampado. «Lembro que todos os nenos tiñan que ir ao colexio do Feal, só existía ese e era impensable falar de que Narón puidese ter máis escolas e outras opcións», sinala Xosé Manuel Blanco, (Ferrol, 1952) alcalde de Narón por Terra Galega. Nos últimos corenta anos o municipio duplicou a poboación, e na última década experimentou un imparable crecemento demográfico e urbanístico ata superar os corenta mil veciños, consolidándose como oitava cidade de Galicia e pensando xa na barreira dos cincuenta mil.

- Cando entrou na alcaldía, ¿imaxinaba que ía rematar celebrando un fito coma chegar aos 40.000 habitantes? ¿Ou víase moito máis lonxe?

-Naquel momento víase moito más cerca. No 2009 estabamos nos inicios da crise, e ata entón medrabamos a un ritmo duns 600, 700 habitantes ao ano. De aí pasamos aos peores momentos con 250 persoas ao ano. Pero sabía que íamos chegar, máis tarde ou máis cedo.

- ¿Cales son as claves para este continuo crecemento?

-Como Narón é unha cidade en construción ten as vantaxes de que hai as infraestruturas que non hai noutros sitios, servizos que se montan continuamente e que a xente valora. Cando unha familia vén a un Concello valora o primeiro que os pisos sexan de calidade e teñan bo prezo, pero o seguinte é mirar qué clases de servizos outorgan. Se hai colexios, garderías, qué zonas verdes, qué actividades culturais e deportivas... pero sobre todo valoran que Narón ofrece calidade de vida. É impensable que unha cidade teña un parque como o de Freixeiro, de máis de 30.000 metros cadrados no centro, ou o de Xuvia. É unha vantaxe engadida. Ademáis, hai máis de 60 parques infantís nas zonas urbanas, e estamos moi ben conectados coa a AP-9 e a AG-64 no propio municipio.

- Nos últimos anos, o crecemento demográfico foi parello ao crecemento industrial, converténdose en centro de empresas para a comarca. ¿Foi fundamental apostar polos polígonos?

-Cando no ano 1985 se facía o plan de urbanismo o que se valorou foi fundamentalmente ofrecer solo industrial nun momento no que era a primeira reconversión do naval importante. Criamos que era necesario e importante diversificar, e acertamos con esa medida. Temos tanto As Lagoas como Río do Pozo case completo. Foi un éxito que naquel momento decidimos apostar por solo industrial, e loxicamente agora con esta nova crise de emprego apostamos por que as administracións apoien a os emprendedores e permitan que haxa acordos. Neste momento a SEPES está ofrecendo rebaixas dun 30 por cento nas parcelas do sector IV de Río do Pozo, algo que tiña que vir acompañado de que o Plan Ferrol tivera unhas ofertas importantes e interesantes, á vez que a propia banca permita que haxa crédito.

-Xa anunciou que se presentará ás eleccións municipais. Se repite na alcaldía, ¿cales serán as liñas de traballo?

-Queremos seguir co que está iniciado. Consolidar o centro urbano e conseguir as comunicacións necesarias entre A Solaina, A Gándara e Freixeiro para que isto sexa todo só unha zona urbana, non tres como neste momento. E como o estamos vendo, hai sitio de sobra. Iso si, non podemos confundir unha cidade xove e moderna cunha cidade que xa veña construída de 1800. Si que hai que facer actuacións, sobre todo en zonas como A Solaina e Xuvia, que permiten preparar zonas peatonais, diferentes ao que temos, pero o primeiro é centrar o casco urbano. Tamén se busca evitar que se siga identificando a estrada de Castela como centro. Narón ten que mirar cara a ría.

- ¿Cómo recorda Narón cando era neno?

-Nacín na estrada de Catabois, pero levo dende que tiña 13 anos vivindo en Narón, hai case cincuenta anos. Pasei polos diferentes momentos que viviu o municipio. Dende que comecei a ter sentido da política local foi cambiando a visión. Eu vivía nas que se coñecen como Vivendas do Bispo, e podo dicir que na Gándara, estradas asfaltadas só estaban as dúas da Deputación e unha que se chama Méndez Núñez, non había máis. E agora hai que ver todo o que ten medrado co asfaltado dunha rede de estradas e rúas, alumeados, colexios. Nos anos oitenta so existía o Feal, estaba plantexado que todos os nenos tiñan que ir a ese centro, pensar outra cousa era impensable.... Os cambios foron lentos pero lograron o desenrolo de Narón.

- Nas últimas intervencións fala de que conseguiuse por fín que haxa un sentimento de ser naronés.

-Vémolo a diario. Eu que me movo polas rúas, vexo que o sentimento de ser de Narón é unánime. Antes é verdade que a xente que en realidade levaba xa vinte o trinta anos vivindo en Narón seguía considerándose que eran de Cerdido, por exemplo, ou do lugar do que voñesen. Iso xa non pasa. Agora todo o mundo xa se considera de Narón, falan do seu municipio, e vemos que cada vez que hai calquera rifi rafe con outro concello ó momento salta o sentido naronés, de inmediato.