Cultivar a terra

Xan Rodríguez Xilvar EN POSITIVO

FERROL

As crises traen consigo unha inevitable posta en cuestión do estatus en vixencia. As últimas décadas viron un abandono acelerado do campo; a marcha da poboación ás cidades deixou en Galicia unha paisaxe de desolación e soidade que pode ser vista dende os ollos da ignorancia inocente como un retorno a unha natureza idílica, pero que oculta á vista de todos o máis lacerante abandono de terras de cultivo. Terras enriquecidas polo labor dos nosos devanceiros nun labor milenario mediante intelixentes técnicas de fertilización nas que co toxo, unha leguminosa, fixabase o inerte gas nitróxeno do aire, e facendo con el a cama do gando, éste aportaba deposicións e calos para fermentar o esterco, un fertilizante de alta calidade co que terras xeolóxicamente moi pobres en principio eran quen de manter a unha das máis densas poboacións de Iberia. Sistema que persisteu ata mediado o século XX, cando rematada a Segunda Guerra Mundial, parte da industria militar dedicouse a facer maquinaria agrícola e pesticidas para a producción masiva de alimento baixo o marchamo dunha Revolución Verde que nada tiña de respecto ambiental. Servíu si para alimentar a unha poboación crecente e para salgar extensas áreas do planeta, deixándoas inservibles ou envelenadas para o cultivo.

Na busca de alternativas a esta situación xurden movementos como a permacultura, unha mestura de métodos tradicionais e achegas científicas e tecnolóxicas á percura de solucións aqueladas a cada lugar, para garantir unha alimentación o máis independente posible. Onte en Esmelle, como non, a xente de Pumido ao Natural trouxo a Juan Antón Mora, un referente que mantén en Alcira un exemplo práctico de permacultura. Grazas Pumido!