Coñezo dous libros sobre Bazán, escritos por traballadores. O de Amadeo Varela Rodríguez, titulado Bazán y Ferrol. ¿Una simbiosis perfecta?, editado no 2003; e o de Xosé Díaz Dopico, titulado Bazán. Aquella cultura laboral, de 1996. Os dous autores parten do amor a unha gran empresa, na que entraron de rapaces e se formaron profesional e humanamente, pero as obras son moi diferentes. Amadeo Varela evoca con orgullo os mellores momentos da factoría e recorda con cariño a compañeiros que sobresaíron profesionalmente ou na vida social da cidade; o seu é un libro amable, e por eso pasa, sen velos, a carón de mandos pouco exemplares. Dopico, pola contra, identifícaos con nomes e apelidos, describe os seus abusos e aplícalles calificativos moi duros; escrebe dende as propias vivencias, con gratitude ou resentimento, e, na miña opinión, non sempre con obxectividade.
Varela fixo un gran traballo de investigación, un manual de consulta para quen queira coñecer aquela Bazán, a nosa Bazán. Co que eles contan e o que eu recordo, propóñome relatar nalgúns artigos unha escolma de anécdotas e curiosidades divertidas, porque en Bazán, ademais de construír barcos, houbo moita camaradería, moito enxeño e moito humor.
Por exemplo, des que en 1947 se creou a Escola de Aprendices de Talleres, cada mes de octubro ingresaban uns cen rapaces de catorce ou quince anos, despois de pasar un exame de ingreso; e como era opinión xeralizada que non se entraba sen padriño, había en Bazán quen exercía de padriño, lucrándose, sen facer nada. Tomaban nota dos seus recomendados, apañábanse para coñecer as listas de admitidos antes de se facer públicas, e se un rapaz aprobaba, chamaban aos pais para darlles a boa nova e contarlles que a cousa estivera difícil pero o seu empuxonciño fixera efecto; se o rapaz non entraba, chamaban tamén, para dicir que o exame fora moi deficiente e non se poidera facer nada. No primeiro caso recibían a mordida, e no segundo quedaban á espera do ano seguinte.
Non sei cantos aprendices entrarían por ter un padriño de verdade, con poder para incluílos na relación de admitidos, sen méritos para elo; pero tiñan preferencia, por esta orde: fillos de traballadores mortos en accidente laboral, fillos de viuvas de traballadores, familiares de caídos por Deus e por España, alumnos da Escola Obreira, familiares de mutilados de guerra, e afiliados a Falanxe. Que non era invención demóstrano as cartas de resposta ás solicitudes de ingreso, indicando o grupo correspondente. Un rapaz fillo de
A formación do aprendiz duraba catro anos e estaba ben pensada: unha hora no ximnasio para facernos fortes, e un bocata de xamón, queixo, chourizo, mortadela ou tortilla de pataca, para repoñernos do esforzo; tres horas diarias nas aulas para adquirir formación teórica, e o resto da xornada nos talleres, facendo prácticas.
Non era ouro todo o que relocía, e a carón das luces había sombras; pero aqueles aprendices convertéronse nos mellores profesionais da construción naval en España.
siro@siroartista.com