«A Capelada debería ser para todos un motivo de orgullo»

FERROL

O trobador cedeirés reflicte todo o lirismo da natureza no poemario «Lírica teixidesa», ilustrado por Juan Manuel Tojeiro Casal

26 sep 2014 . Actualizado a las 18:01 h.

Poucos o coñecen como Xosé Antonio Suárez Aneiros. Este cedeirés nacido en 1945 é Antón Suárez, mestre de profesión durante varias décadas, músico vocacional -compón, deu clases, refundou a coral Eixil e creou a polifónica Virxe do Mar, que dirixe, como antes fixo coa da terceira idade-, investigador -autor de A música popular en Cedeira- e poeta, que gusta de rimar a vida. Na presentación do poemario Lírica teixidesa, a finais de agosto, interviu en verso. O cedeirés Juan Manuel Tojeiro Casal, de 36 anos, «veterinario e fotógrafo excepcional», subliña o trobador, é o autor das imaxes que ilustran o libro -na portada vese a fraga de Nebril, en San Andrés- e da maquetación.

-¿Añorou a docencia?

-Non... xubileime en 2005. O ensino xa non é o que foi. Antes o mestre estaba mellor considerado socialmente; hoxe non tanto, hai problemas de relación cos pais, co alumnado, a disciplina... A situación que teñen hoxe os docentes é problemática. Sempre compaxinei a docencia coa música.

-¿De vocación, músico?

-Si, anque a poesía ten moito de música, se lle falta o ritmo e a musicalidade interna pode ser unha prosa lírica, pero arte non é. En Líricas teixidesas o texto vale moito, pero a ilustración gráfica enriquéceo. A foto da Capelada, a fervenza chorreando sobre estes versos (varios poemas aparecen sobrescritos nas imaxes de Tojeiro), o sopor onde aparecen os acrósticos (nos que se pode ler, nunha páxina, TEIXIDO, e na outra, CAPELADA), a vista nocturna da igrexa de San Andrés, o vaso ritual que hai no presbiterio...

-¿De onde vén esta relación?

-Do pai de Juanma, Andrés, que canta na coral (xa nos coñeciamos antes). É a primeira vez que colaboramos, pero no caixón hai outro libro, Refraneiro musical de San Andrés, porque hai moitos refráns e a xente só coñece o de ?vai de morto quen non foi de vivo?. Outros derívanse de antigas coplas e dos textos de Rafael Usero e de Federico Maciñeira.

-San Andrés como inspiración.

-San Andrés e o seu entorno, tamén A Capelada, que debería ser un motivo de orgullo para todos os que a compartimos (Cedeira, Cariño e Ortigueira) e debería ser explotada doutra maneira (...). Juanma e seu pai fixéronme de cicerones pola Capelada algunhas veces. No libro recollo tamén algúns comentarios e contos que se din e que xa pouca xente recorda, e algúns artellados por min, en plan romance. Falo das festas e dos supostos miragres que fixo o santo, do contraste entre San Andrés e San Pedro, os dous irmáns; a romaría dos pobres, en San Andrés, e a dos ricos, en Roma, facendo este tipo de antíteses.

-Tamén inclúe unha partitura.

-Si, adicada á capela da Fame, que está en Liñeiro (Vilarrube), no Camiño de San Andrés. É particular porque ten un retablo moi orixinal, chama a atención, cunha alegoría da fame e outra da preguiza. Retrata nin máis nin menos que ao ser humano. Hai quen di que o Camiño de Santiago remata en San Andrés, é unha teoría; os camiños deste tipo, iniciáticos, son vías ancestrais, precristiás. Aos habitantes destas zonas costeiras chamábanlles moito a atención os promontorios, nos que se facían sacrificios ou cerimonias adicadas ao sol, eses finisterraes tamén existen na Bretaña e mesmo no mundo oriental.

-Hai algo de reivindicación.

-Reivindicación ecolóxica: Por xentes desaprensivas / as xeneracións futuras / corren o risco de ver /envelenada a Natura?. Algo de denuncia: ?Mentras no horizonte / faenan as lanchas / e loitan os homes / naquela gran cancha?.

-É difícil expresarse en verso...

-Adquírese coa práctica e co sentido musical. Xa no prólogo Vicente Araguas, a quen lle estou agradecido, di ?Aquí hai moita música?. Son un clásico, a poesía é rima, ritmo e musicalidade interna. Gústame facer unha copla, un soneto, un quintillo... Teño outro traballo case rematado sobre persoeiros da vila vella de Cedeira e tamén vai rimado.