Hoxe sería a véspera da XXII edición do concurso de gaitas Constantino Bellón, un dos máis prestixiosos certames de gaita galega. E digo sería, pois este 2014, como en 2012, no vai haber «Bellón», celebrado dende 1991 agás estas dúas excepcións, que empobrecen o panorama cultural, non so de Ferrol, senón de Galicia e da musical en xeral. Polo concurso pasaron decenas de intérpretes do país e da diáspora grazas á iniciativa do Ateneo Ferrol (especialmente polo teimudo esforzo de Víctor F. Gabeiras) e o apoio incondicional da Xunta, Deputación e Concello e tamén de particulares: a viúva de Luís Seoane cedeu o deseño do gaiteiro para o cartel e a figura que Sargadelos doou xenerosamente. Nas últimas edicións o Obradoiro Seivane proveu dunha gaita para a mellor interpretación de fóra de Galicia.
Os nomes dos gañadores e moitos concursantes están entre os máis recoñecidos por outros certames e a comunidade gaiteira, achegando centenares de obras orixinais. As súas interpretacións están recollidas en discos gravados no directo de concurso, coa conseguinte garantía de transparencia. As Gaitas de Ouro e Prata outorgadas recoñeceron a institucións e persoas o seu labor a prol da nosa música, e a proposta do premio de composición tivo un alentador éxito de participación e calidade. Por que non hai Bellón? No 2012 foi a falla de apoio da Xunta, salvada no 2013 polo apoio da corporación ferrolá de entón. En 2014 os desencontros entre concello e Ateneo condenaron ao Bellón á ausencia. Coda final ou preludio de nova etapa?