O río Belelle

POR SIRO FERROL

FERROL

SIRO

17 ago 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Non sei se Cunqueiro, profundo coñecedor dos ríos galegos, diría -pero, se non o dixo, pensaríao; sen dúbida- que, como ocorre coas persoas, o lugar de nacemento condiciona a vida dos ríos; e o que nace nun entorno de topónimos sonoros como «a barranca da Cernada, en San Martiño de Goente, concello de As Pontes de García Rodríguez», se ademais é bautizado cun nome tan fermoso como «o Belelle», ten que ser un río nobre e un chisco romántico. Só un río así pode ofrecer o espectáculo da Fervenza, coa auga caendo dende 45 metros de altura, que me deixou mollado e sen fala cando a vin por primeira vez, aos seis anos, e ás miñas netas esta semana. Pero xa antes da Fervenza, o alto Belelle móstrase ledo como un rapazolo, nunha paisaxe de gran beleza, e brinca e relouca en rampas e tobeiras, idóneas para a práctica de pirauguismo de alta dificultade. En Internet, no arquivo «ondabrava alto Belelle», podemos gozar das imaxes gravadas en vídeo por un grupo de arriscados kayakistas.

Sen embargo o Belelle é un río serio que deu de comer a moita xente, e a Ferrol a primeira enerxía eléctrica, cando sete veciños da cidade entenderon que a electricidade gañaría a batalla ao gas, e crearon, en 1894, a sociedade anónima Eléctrica Popular Ferrolana. Eran o enxeñeiro Comerma, os maquinistas da Armada Justo González Salorio e Diego Castro Fuguera, os comerciantes Antonio Barreiro Sánchez e Emilio González Buyo, e os propietarios Antonio Togores Corvina e Gabriel Antón Castillo.

Nun documentado traballo, Elvira Lindoso Tato infórmanos sobre esta pequena fábrica que empezou levando electricidade a establecementos comerciais e vivendas de cidadáns notabeis, e obtivo, en 1898, o contrato municipal para o servizo de iluminación pública. Entón foi vendida, en condicións vantaxosas para os accionistas, á Sociedad General Gallega de Electricidad, do enxeñeiro francés Ernesto Presser; empresa con centrais en varios ríos galegos, adquirida, en 1955, por Fenosa.

O baixo Belelle acolleu nas súas beiras media ducia de fábricas de papel de estraza e cartón, algunha dende 1804; pero a máis importante, e quizais a única que produciu papel branco, foi a que, mediado o século XIX, tiveron en Sillobre Juan Rosell, veciño daquela localidade, e o impresor ferrolán Nicasio Taxonera, editor de obras tan coñecidas como a Historia de Galicia, de Vicetto; e do xornal El Eco Ferrolano, dirixido por Canalejas. Tamén deu auga o Belelle á fábricas de tecidos, como a do Roxal, en Neda; creada en 1843, e que, malia estar ubicada no fermoso Pazo de Isabel II e pasar por distintos propietarios, non tivo éxito.

O Belelle leva augas tan puras e ricas que en 1794 se declararon idóneas para o branqueo do velame de buques, e, en 1916, tamén para o consumo, despois da análise do doutor Santiago de la Iglesia -aquel médico humanista que, explorando mámoas, descubriu o valioso tesouro de As Pontes-, quen detectou nelas a presenza de fungos beneficiosos do xénero penicillium. En 1920 as augas do Belelle chegaron a Ferrol, aproveitando a estrutura das pontes do ferrocarril Ferrol-Betanzos, e somos moitos os que aínda temos saudade delas.

O Belelle fixo andar moitos muíños fariñeiros, e boa parte do prestixio que o pan de Neda ten dende a Idade Media débese á súa auga. Felipe II mandou crear 12 fornos -as Reais Fábricas de Biscoitos de Neda-, que

durante un século elaboraron a galleta ou biscoito para a armada española.

Durante a construción dos estaleiros e arsenais de Ferrol, a relación entre os traballadores vascos e cántabros cos galegos foi mala polos privilexios que aqueles tiñan; pero cando, en 1752, se prohibiu que as panadeiras de Neda vendesen nos recintos, todos xuntos protagonizaron a que quizais foi a primeira folga industrial en España.

Certo que «non só de pan vive o home», pero o de Neda, cando é bo, alimenta a alma.