Os días pasan, vagarosos. O oitavo mes do ano marca en Galicia un tempo especial, ao xeito de milladoiro anímico que acumula encontros familiares, festas parroquiais, xornadas de lecer, en fin, ao abeiro do tempo clemente. Os milladoiros, seguro que o saben, son amoreamentos deixados polos peregrinos nos que cada pedra simbolizaba a alma de alguén que en vida non puido facer a viaxe. O máis bonito que coñezo está nunha reviravolta da estrada de San Andrés de Teixido que percorrín hai días, unha vez máis, con amigos visitantes da outra beira do Atlántico. A beleza de Valdoviño, Vilarrube, Cedeira e A Capelada, enfiladas co Cabo Prior e con Ortigueira aos pés, acrecéntase cando a visita é en compaña de ollos novos que, na súa resposta, reforzan a sensación de acceder a lugares máxicos para algúns, místicos para outros, indiferentes para ninguén. E nesas paraxes e neste tempo de estío acontecen estas liturxias populares, celebradas en aras de praias, de campos de festa ou á sombra de carballeiras, consagrando o final e comezo do ciclo anual de luces e negruras. Esta oportunidade para a recarga física e emocional, foi sempre útil para utilizalas na reparación do desgaste dun ano de traballo ou estudo. Hoxe axuda a afrontar un desgaste adicional, o descubrimento de ter estado gobernados demasiado tempo no político e no económico por tantos «cidadáns libres de toda sospeita» que a xustiza e o demo leven. A cantidade e diversidade de categorías xerárquicas de tanto impresentable, os cartos apañados, son tan abafantes no moral coma o aire da folga do lixo de Lugo. Precisamos de todas as forzas para tentar reconstruír un país con regras e dirixentes nos que podamos confiar.