Cando nun artigo anterior dixen que o aviador ferrolán Iglesias Braxe fora un home con mala sorte, aínda non sabía que o humilde monolito que o recordaba no Parque Raíña Sofía, fora retirado no ano 1999 para facer unhas obras, e nunca máis apareceu. Hoxe penso que Iglesias Braxe estaba gafado e que a corporación municipal debe erguer, sen demora, outro monumento que o recorde.
¡Que diferente a peripecia vital do seu colega francés Gabriel Voisin, a quen todo lle saiu ben! Voisin era o que en Ferrol diriamos «un tipo con potra». Pioneiro da aviación e heroe nacional na Primeira Guerra Mundial, forrouse construíndo avións militares; e, cando os pedidos baixaron, fabricou automobis de luxo, artesanais, potentes e orixinalísimos no deseño, para artistas como Rodolfo Valentino ou Josephine Baker, membros da nobreza, xeques árabes? e, claro, forrouse aínda máis. Despois, ante a crise económica que Europa padeceu como consecuencia da Segunda Guerra Mundial, deseñou e fabricou o minúsculo Bi-Scooter, así chamado porque era como dúas motos Scooter xuntas ou como unha con catro rodas.
O Bi-Scooter, o que se di «coche-coche» non era. Con motor de motocicleta, arrincaba cun tirador, só tiña transmisión á roda dianteira dereita, carecía de marcha atrás, freaba cun sistema rarísimo e levaba carrocería de aluminio para pesar pouco. En Francia vendeuse mal, pero en 1954, cando Voisin asumía o fracaso e estaba a pechar a produción, apareceu a empresa catalana Autonacional S.A. a mercarlle os dereitos de fabricación.
En España o Bi-scooter chamouse Biscúter e, para «lanzalo» Autonacional S.A. regalou a Franco un prototipo. Levoullo ao Pardo o presidente da compañía, que deu un paseo polo parque co Caudillo ao lado. Ao baixar, Franco díxolle que grazas ao Biscúter España tería, en poucos anos, unha auténtica industria do automóbil, e ás dúas semanas a Casa Civil do Caudillo vendeullo a un médico.
O Biscúter presentouse no Salón de Barcelona do ano 1953 e, en seis anos, 12.000 unidades circularon polas estradas españolas. Hoxe parece unha cantidade ridícula, pero tendo en conta que costaba 28.600 pts. -o salario dun obreiro medio en tres anos-, foi un éxito. Gila recibiuno cun monólogo telefónico divertidísimo: -Oiga, ¿es la fábrica de coches pequeñajos, esa de Barcelona? -Quería preguntarles si el coche tiene motor o si hay que hacer el ruido con la boca. -Tiene motor. ¿Y de cuántos caballos? -¿Un perrooo..? -¿Y qué se le pone: gasolina o huesos?
Os primeiros Biscúter que vin en Ferrol foron os de Moncho Sueiras, que anos despois sería o concesionario da Renault, e Elías o cura de Barallobre. O de Sueiras chamaba a atención pola carrocería de madeira que lle fixo; o de Elías tamén, porque era vermello. Chegaba a Fene a ensaiar con «Os Segreles» de Pérez Parallé, e ao remate había que empuxarlle o coche para que poidese xirar e volver a casa. Outros Biscúter que recordo na cidade foron os de Arturo Aulet, enxeñeiro de Bazán; Manuel Silvar, «Lolo», do almacén de material para a construción detrás do ambulatorio; Grela, o de «Bambi», que foi porteiro do Galiano; Jaime Viñas, fillo de Esperanza, a da tenda-bar fronte ao Tirso; o dos donos do estanco nos arcos da praza de España; e o da propietaria dos «Almacenes Amboage», da que se dicía que caera co coche ao mar no peirao. Pero seguro que houbo máis.
En 1955 o Biscúter saiu cun inversor de xiro, polo que en vez dunha marcha atrás tivo tres, ningunha boa, que ía a brincos; e cando faltou o aluminio fabricouse -non é broma- coa chapa de aceiro dos bidóns de aceite do Plan Marshall. Empezou a ser coñecido como «Gibraltar» porque era a vergonza nacional, e ao aparecer o Seat 600, no 1957, Autonacional S.A. non resistiu a competencia e pechou en 1960. Para min son dous coches de grato recordo porque identifico o Seat 600 coa miña adolescencia, e o Biscúter coa miña infancia.
siro@siroartista.com