Alfombras florais en Ares

POR SIRO

FERROL

siro

A festividade do Corpus é unha das máis celebradas no mundo católico, e, sen embargo, por estraño que pareza, tardou séculos en arraigar. Naceu nun tempo convulso para a Eirexa pola constante aparición de herexías, entre as que resultou especialmente preocupante a que negaba a presenza de Cristo na eucaristía; por eso, en 1264, un crego que celebraba a misa na igrexa de Bolsena, ao norte de Roma, dubidou de que a Consagración fose real e, ao partir a Sagrada Forma, saiu dela tanto sangue que lle empapou o corporal. É o chamado Milagre de Bolsena, que Rafael representaría dous séculos despois nun extraordinario fresco.

Impactado pola reliquia, o papa Urbano IV determinou que o Corpus Christi se celebrase en toda a cristiandade sesenta días despois do Domingo de Resurrección, pero, ao pouco de publicar o decreto, morreu, e non tivo efecto. Cos papas do século XIV empezarían as procesións, mais houbo que agardar o Concilio de Trento para que a festa acadase a solemnidade actual.

O que non se entende é a presenza de parodias medievais -das que os galegos temos boa mostra na Coca de Redondela- na exaltación do Sacramento. ¿Por que o folclore, a pervivencia de ritos paganos? Todo fai pensar que os bispos aproveitaron, unha vez máis, as crenzas populares a prol da efeméride, e que, andando o tempo, só poideron expurgala das máis escandalosas. Nas vixentes, ningunha tan sorprendente como a do Colacho en terras burgalesas. Invito ao lector curioso, que non a coñeza, a informarse en Internet: medievalismo en estado puro.

Do Medievo son tamén as alfombras florais, aínda que as verdadeiramente artísticas apareceron en Italia, no século XIX. En Ares hóuboas no XVII, pero perdeuse a tradición e non se recuperou ata o ano 1983. As alfombras florais de Ares non farán que o Corpus da vila sexa Fiesta de Interés Turístico Nacional, pero nelas colabora todo o pobo, e o que non traballa, anima. Hai quen leva un mes apañando e cortando folla do pino; as moruxas da mala herba chamada labaza; os carolos de eucalipto; o pampillo, flor amarela, pequeniña, que nace nos campos en barbeito, moi axeitada para detalles e repeniques; xuntando as borras do café, que lles dan nas cafeterías; tinguindo de cores diversas a fina area, collida na praia; limpando as cunchas de ameixas e berberechos que trae a marea, coas que pecharán o borde das cenefas?. E todo gárdase nos baixos que os veciños ceden.

O traballo de alfombrar o pobo fano catro grupos autónomos, federados nunha asociación. Cada un ten a súa rúa e fai a decoración que mellor lle parece. Crear deseños e pasalos ao chan é labor no que sempre sobresaíron bazaneiros como Tucho Vilasánchez, xa falecido; Salvador López, Rafael Mesías, José Montenegro e Ángel Fernández Barreiro Lubre, amigo e compañeiro meu na Oficina Técnica de Deliñación. Pero á hora de debuxar e alfombrar importa moito a colaboración de mozos e xente miúda, que tantas horas en crequenas deixan escadrillado a calquera.

A noite do sábado é especial pola alegría no ambiente. Ás nove, os moitos forasteiros que a Ares se achegan, asisten a un espectáculo máxico: o agromar da flor na pedra para formar alfombras enormes coas cores máis ledas. Vellos e novos, grandes e pequenos, traballan arreo, recuperando folgos cos cafés, os biscoitos e as empanadas que veciños, fornos e pastelerías lles achegan. Despois, ás seis da tarde do domingo, todo desaparecerá co paso da procesión.

En domingo si, porque, en 1989, Goberno e Conferencia Episcopal acordaron pasar a festividade do xoves ao domingo seguinte. ¡Home, home, por favor! ¿Qué facemos co adaxio Tres jueves hay en el año que relucen más que el sol: Jueves Santo, Corpus Christi y el día de la Ascensión, que aprendemos de nenos? ¡Se salvamos o touro de Domecq, habería que salvar o xoves de Corpus!

siro@siroartista.com