Vanme contestar ao que lles conto que «hai xente para todo», e teñen razón. O refraneiro está cheo de explicacións sobre os gustos e afeccións de cada quen -sobre gustos..., sarna con gusto...- así quen se vai asustar.
O conto é que por iniciativa duns paisanos nosos, por estas datas do entroido e dende hai sete anos, celébrase unha singular convocatoria que xunta ao redor dun cocido a un lote -este ano unha corentena- de paxareiros e paxareiras para desvelar o resultado dunha democrática e secreta votación: cal é o Raro do Ano. Enténdese por tal a combinación de ave e observador máis singular a xuízo dos votantes; non pensen que a cousa é doada, fanse nin máis nin menos que dúas voltas para declarar ese binomio de cita e citador na que se ten en conta tanto a rareza da ave como a dificultade para observala e identificala.
Hai ademais un apartado, Vaia Foto, que xa imaxinan que premia e, este ano votouse a cita histórica máis rara en Galicia (Raro Legend) e ao máis esforzado (Raro de Honra); toda nunha cerimonia tinguida de excelente humor á que asistiron xentes vidas das catro puntas de Iberia.
Podía isto semellar extravagancia, se non fora porque varias decenas de persoas peneiran voluntariamente o territorio con telescopios, binoculares e cámaras achegando xenerosamente unhas citas impagables -dito en senso estricto- da avifauna ibérica. Máis?, vexan travellingbirds (no seu buscador).