É unha das palabras de moda, que pasou de adxectivo a substantivo para designar os empresarios audaces que se enfrontan á crise con novos proxectos. Sen embargo non son, aínda que parezan, unha nova especie empresarial; os españoles que vivimos a crise da postguerra coñecemos outros empresarios emprendedores, e en Ferrol son varios os nomes que se repiten nos socios fundadores de Astano, Fenya, Hispania, Cerámicas Santa Rita? E con eles o de Benito Alvariño Grimaldos, director do banco da Coruña en Ferrol, que xogou un papel importantísimo na posta en marcha daquelas iniciativas. Fillos de Benito Alvariño foron os meus amigos Daniel, creador da galería de arte Arboreda, e Ricardo, enxeñeiro en Astano e Bazán, que das súas viaxes a Europa sempre me trouxo libros de artistas, non publicados en España.
Empresario emprendedor foi Antonio Veiga López, que emigrou moi novo a Cuba, pero pasoulle como ao negro Panchito, de quen nos contara Castelao que o trouxera da Habana un indiano, como quen trai un fonógrafo ou un papagaio. O negriño criárase como un galego máis e tamén un día sentiu anceios de emigrar, pero cando atopou un veciño na Habana díxolle: -Eu non me afago nesta terra de tanto sol; eu non me afago con esta xente. ¡Eu morro! Antonio Veiga tampouco se afixo e volveu sen facerse rico, pero coñecedor do negocio da xoiería, e puxo unha na rúa Real, fronte ao Casino. Casou cunha rapaza de Limodre, Dolores de Andrés Varela, filla de José de Andrés, maquinista da Armada, e de Modesta Varela Grande, propietaria de medio Limodre. A igrexa de parroquial costeouna ela, como recorda unha placa.
Antonio Veiga participou na creación de Astano, Fenya, Cerámicas Santa Rita, Frigoríficas Ferrolanas e Hispania; foi socio de Fernández Veiga na fábrica Parma; copropietario de cines en Ferrol, Coruña e Santiago; dono de Transportes Atlas, Talleres Manfi, en Ferrol; e de barcos de baixura e da fábrica de salazón Atlántica, en Redes. Morreu en 1958, sendo subdirector de Hispania, con 58 anos.
Emprendedor tiña que ser tamén o seu tío político, Juan, irmán de Modesta, que, sen necesidade, marchara a Cuba e foi directivo na empresa co monopolio do café. Despois casou coa herdeira e converteuse en conselleiro de bancos, navieiras e hidroeléctricas; presidiu a Caixa de Aforros e o Banco Galego de Cuba, ademais de sociedades culturais e filantrópicas. Cando viña a Limodre acompañábano o embaixador cubano, o gobernador civil da Coruña e as corporacións municipais de Ferrol e Fene. Recibíano nenos e nenas con bandeiriñas españolas e cubanas. É fillo predilecto de Fene porque regalou ao concello varias escolas e o campo da festa.
A Hispania prestoulle axuda importantísima nos anos coarenta, ao adiantar o pago en dólares da madeira de cedro californiano; unha esixencia da empresa suministradora. A devolución facíaselle en pesetas. Morreu sen ver o triunfo de Fidel.
A sobriña Dolores e Antonio Veiga foron pais de Marieta, que casou con Carlos Pardo, irmán do cantor Juan Pardo; Fifa, casada co avogado Carlos Bande; e Antonio, que entrou como directivo en Hispania, no 1972 e negociou cos sindicatos o peche progresivo da empresa. Ana, a muller, é filla de Roberto Vidal de la Torre, que fora director da Escola de Maestría Industrial, e de Mercedes Prieto Freire, dos Freire de Perlío, que tiveron a electricidade en Fene ata que naceu Astano e chegou Fenosa.
siro@siroartista.com