Dicir de alguén con poder de decisión que corta o bacallao está ben se, como parece, a expresión vén dun tempo en que este peixe en salazón chegaba ás colonias americanas como alimento de escravos; pois quen o cortaba e repartía era o capataz, o que mandaba. Non se entendería se aludise a quen o corta recén saído da mar, porque o traballo na cuberta dos bacallaeiros era durísimo, con campañas interminabeis, temporais terribeis e temperaturas a moitos graos baixo cero en inverno, e abafantes en verán.
A reportaxe do vivir cotián dos mariñeiros da PYSBE en Terranova fíxoa espléndidamente Manuel Bouza Faraldo nun traballo titulado PYSBE. De las orillas del Eume a Terranova; dos anos dourados da factoría ferrolana e do seu peche trataron, con rigor, Henrique Sanfiz e Enrique Barrera na publicación Traballo e solidariedade na Peninsular Maderera e PYSBE. A documentación do que foi PYSBE na mar e en terra témola, só falta a gran novela que recolla a epopeia de tantos veciños de Ferrol, Mugardos, Ares e Pontedeume, que pasaban setenta días sen pisar terra; que viron como un golpe de mar levaba un compañeiro da cuberta, e outro golpe de mar devolvíao; como outro compañeiro, con menos sorte, desaparecía para sempre; como un barco portugués afundía entre o xelo con toda a tripulación, ante eles, abraiados e impotentes? Non é de estrañar que o ferrolán Merelas, en canto puxo o pé en St. John?s, coñecido como o porto pysbero, buscara con quen casar e quedara alá para sempre.
Os nenos dos primeiros anos cincoenta nada sabiamos da aventura que para tanta xente supuña cada campaña, nin eramos conscientes do que a PYSBE representaba na economía de Ferrol. O único que tiñamos claro era que arredor da factoría cheiraba mal e que dalí saía o aceite de fígado de bacallao, que tanto aborreciamos. Quizais por eso faciamos unha maliciosa interpretación das siglas, e, na vez de Pesquería y Secaderos de Bacalao de España, diciamos Putas y Soldados Buscan Escondite.
PYSBE nacera no 1926 en Pasajes, Guipúzcoa, para atender o gran consumo de bacallao en España, case todo de importación. No 1935 xa se pensaba en abrir unha factoría en Ferrol, pero o proxecto quedou parado pola Guerra Civil, ata o 1945, cando no recheo do porto se creou unha moderna instalación con métodos de secado e preparación do peixe, que permitiu comercializar 14.000 toneladas anuais.
PYSBE creou en Ferrol 300 postos de traballo, os máis deles para mulleres, das que 36 facían redes, e todas as demais particicipaban no complexo proceso da preparación do peixe. Despois do parón imposto pola II Guerra Mundial, os caladeiros estaban tan recuperados que as flotas internacionais se permitían escoller os mellores exemplares. Estragáronse miles de toneladas en cada campaña, e en vinte anos anos os caladeiros estaban esquilmados. A reducción de capturas polas medidas reguladoras, a competencia de PEBSA e COPIBA, con barcos máis modernos; os altos costes de producción e un prezo do bacallao estabilizado, levaron a PYSBE á ruína, e no 1974 pechou.
Quédanos a memoria das traballadoras co paquete de recortes de bacallao, que lles daban cada sábado; e os conflitos laborais do ano 1967, cando a empresa presentou expediente de regulación de emprego. Foi a primeira actuación pública do sindicato clandestino CC. OO., con Ángeles Rivera Torres como lideresa. Condenada a seis meses de cárcere, cumpriunos e volveu traballar; pero ao pouco emigrou a Francia e non volveu a Ferrol ata que se xubilou, no 1990.
siro@siroartista.com