Boa xente

Por Siro

FERROL

SIRO

Se eu fose aínda caricaturista político de La Voz de Galicia, inspiraríame para facer a viñeta do día seguinte na foto de portada do xornal do venres, día 23, co alcalde de Baralla saudando, man aberta e brazo en alto, aos veciños que o aclamaban. A caricatura daríame pouco traballo: xuntaríalle os dedos ao alcalde para que fixese o saúdo feixista, e todo o demais deixaríao tal cal. Porque o verdadeiramente impactante da foto son os veciños que xalean e aplauden ao alcalde que dixo dos condenados a morte polo franquismo «que será porque o merecían». Eu non sei se o alcalde de Baralla cre, de verdade, o que dixo; pero, en calquera caso, a caricatura acaeríalle por desalmado, por ignorante ou por frívolo.

Porque é certo que os libros de historia están cheos de falsidades; que os historiadores son maniqueos moitísimas veces; que a traxedia da guerra española, por recente, fai aos vencidos sectarios na interpretación dos feitos, e cegos ante a evidencia; que non pensamos nas barbaridades feitas polos republicanos, nin homenaxeamos aos intelectuais e artistas asasinados por eles? Todo eso é certo, pero xustificar a represión franquista que causou 701 mortos en Ferrol e 5.561 en Galicia, dos que 4.447 nin sequera foron xuzgados, senón paseados e asasinados en montes e cunetas, non é de boa xente. E eso é o que de verdade conta: ser, ou non ser, boa xente.

Boa xente eran os oito diplomáticos españoles que, mentres Franco clamaba contra a conspiración xudeo masónica, salvaron do holocausto a 60.000 xudeos europeos. Por certo, un deles, Ángel Sanz Briz, da Embaixada española en Hungría, multipicou por cinco o número de xudeus salvados por Schindler, o da película. Boa xente eran os veciños de Cedeira que no 1938 axudaron con alimentos e roupas aos 724 presos republicanos, hacinados nun improvisado campo de concentración, sen auga nin letrinas. Boa xente eran os membros da familia Díaz Corral, de Cornido, que durante dezaoito anos esconderon fuxidos na súa casa e pagárono durísimamente cando na noite do 18 ao 19 de novembro de 1954, os gardas civís sitiaron a casa e mataron a Rudesindo, o fillo, mentres fuxía o famoso escapado Pancho, o de Mugardos. Boa xente era don Simón, director do Cárcere do Partido Xudicial de Ferrol, que estaba na rúa da Muralla, no edificio que logo foi Cuartel da Policía Armada. Don Simón non podía impedir que os presos republicanos sufrisen a amargura da condena, pero si facer que o persoal ás súas ordes os tratasen con respecto. Axudouno nesa tarefa o subdirector, Manuel Beceiro. Da bonhomía desta xente deron testemuña, entre outras familias, as de Cascallar -do famoso merendeiro en San Felipe-; e a de Recaredo, panadeiros da rúa Carmen Curuxeiras.

Das moitas barbaridades que a represión franquista causou en Ferrol, unha das máis estarrecedoras foi a condena e fusilamento de Amadita, a xove comunista mugardesa. Estaba grávida cando un tribunal militar a condenou a morte, polo que, en nome da moral cristiá, a execución se demorou ata que a rapaza, pariu e amamantou oitenta e oito días o fillo. Cando Amadita saiu do cárcere para ser fusilada, don Simón tentou que levase o neno con ela, coa esperanza de que a da criatura enternecese aos verdugos. Non foi así, e un día de xaneiro do ano 1938 foi fusilada con outras sete persoas no Castelo de San Felipe. Claro que, segundo o alcalde de Baralla, algo farían.

siro@siroartista.com