Lefre de caldereta

POR SIRO

FERROL CIUDAD

siro

11 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

É quizais a expresión máis enxeñosa saída do humor bazaneiro, sutil ou procaz, segundo conveña, pero agudo e atinado sempre. Nada lle falta para ser locución perfecta; nin sequera o misterio na orixe da palabra lefre, coma o de mota, rompecacholas de investigadores da fala ferrolana.

É voz en desuso -érao xa hai trinta anos, cando eu saín de Bazán-, pero viva no eido do humor. Porque, pode que antes, moito antes, lefre nacese e se usase con significado despectivo; pero xa nos anos cincoenta formaba parte da xerga bazaneira, provocadora da gargallada.

En realidade, nos anos cincoenta compría diferenciar o lefre do carallo do lefre de caldereta. Lefre do carallo era apelativo que non ofendía a ninguén porque se dicía con absoluta complicidade entre emisor e receptor. Era como unha descalificación persoal e profesional ao mesmo tempo; a suma de marulo e petardo; como chamarse langrán, papaxón, borricán, torcebotas, zopenco e pousafoles, todo a un tempo, a berros e dun extremo a outro do taller.

Lefre de caldereta era outra cousa e, aínda que se dixera como chiste, había certa melancolía nun dito que gardaba memoria dos traballadores que viñan da outra banda, ou de lonxe, coa caldereta do xantar feito na casa, para comelo no mesmo centro de traballo, nos bancos do Cantón ou nos portais. Os máis afortunados comíano quente, ben porque no taller tiñan algo para quentar a caldereta; ben porque as mulleres, as nais ou as irmás viñesen traérllelo, recén feito -as lanchas que chegaban a Ferrol pouco antes das doce, eran as lanchas dos xantares-; ben porque compasivas samaritanas de Ferrol lles poñían a caldereta ao lume.

Teño aínda a imaxe dun matrimonio nas escadeiras da casa onde vivía miña irmá, na rúa de Carlos III, cando eu tiña cinco ou seis anos. Procuraba non ir se eles estaban porque me magoaba velos; el comendo, os dous calados, a expresión humilde, como pedindo perdón polas molestias...

A todos, aos lefres do carallo e aos lefres de caldereta referíase a muller dun administrativo de Bazán, que pasou algún tempo nun taller, sustituíndo a un colega enfermo, o día que dixo, con cara de noxo: «Estoy deseando que vuelva a la oficina para que se me aparte de esa lefrería».

Os lefres de caldereta desapareceron cando empezaron a funcionar os comedores de Bazán. O que para moitos foi un paso importante na calidade de vida, supuxo un atranco económico para os donos dos bares que daban comidas aos traballadores.

Claro que o enxeño non falta tampouco nos taberneiros, e houbo un que, aproveitando a chegada das películas porno, proxectaba cada día unha distinta á hora do xantar e, ademais, anunciaba o menú e o título do día seguinte: Mañá, xoves, callos e Garganta Profunda.

Nos primeiros anos cincoenta o meu amigo Guillermo Fraga vivía en Franza, e cando non tiña escola reloucaba por vir coa avoa a traerlle o xantar aos tíos; ao Cantón, se facía bo tempo, ou ao bar Ría de Arosa, se chovía. Un día ían pola rúa Real para visitar un enfermo no Hospital de Caridade, cando unha señora chamou a un garda municipal porque, para manter o decoro, en horario comercial, non se permitía levar cestas na cabeza entre as prazas de Armas e Amboaxe.

En Ferrol temos a Asociación Cultural Lefre de Caldereta, que no ano 2006 me concedeu o Premio de Honra. E, de verdade, síntome honradísimo polo galardón e polo nome.

siro@siroartista.com