Un OVNI na ría

POR SIRO

FERROL

Siro

28 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Eu vin un OVNI. Foi unha noite, hai vinte anos, na autoestrada do Atlántico, mentres Xosé Luis Vilela, actual director de La Voz de Galicia, e eu volviamos de A Toxa a Coruña. Vímolo os dous. Eu viña falando e calei cando, de súpeto, apareceu no ceo un punto de luz brillantísimo que voaba cara a nós, tan rápido, que deixei de velo nun par de segundos. Volvinme a Vilela e díxenlle: «Eso era un OVNI». Vilela respondeu: «Si». E aí morreu o conto.

Pero tempo despois fun invitado a un programa da TVG e coincidín co xornalista e piloto de aviación José Antonio Silva, a quen recordamos presentando na TVE Informe Semanal, Siete días, Redacción Noche e La víspera de nuestro tiempo. Silva alternaba o xornalismo coa aviación comercial e voara moitos anos en Trans Europa, Aviaco e Air Europa.

Ocorréuseme contarlle o do meu OVNI e sentinme como aquel veciño de Padrón que cando morreu e foi ao ceo, quixera impresionar a Noé falándolle das cheas da súa vila. Dígoo porque Silva me informou das súas experiencias con OVNIS que o acompañaran en varias viaxes, pasando dun lado a outro do avión, desaparecendo e volvendo a aparecer? Os avistamentos de José Antonio Silva, semellantes aos doutros colegas, só foron superados polo que o ferrolán Juan Daniel Araoz e o mugardés Jovalo fixeron unha noite do inverno de 1966 na nosa ría.

A Juan Daniel Araoz hai quen o lembra traballando en Rafael y Vicente -a nai era filla de Rafel e, polo tanto, el sobriño de Arsenio-; e despois de xefe de compras en JARMAN, a fábrica de pantalóns que houbo na rúa do Sol; e logo de xefe de ventas na Renault, con Moncho Sueiras; de concelleiro de Alianza Popular en Narón, e de profesor de Educación Física no instituto de San Pedro de Leixa, onde se xubilou.

Araoz era nos anos sesenta un apaixonado dos OVNIS e entrara a formar parte do equipo de investigación que dirixía en Salamanca o dominico Antonio Felices, ufólogo recoñecido internacionalmente, des que no 1965 avistara en Valladolid, coa axuda do telescopio do colexio de Arcas Reales, un OVNI con forma de ala delta e de tan grandes dimensións, que pasou a ser coñecido como la gran nave de Castilla.

Aquela noite de inverno do ano 1966, Jovalo, redactor do Ferrol Diario, espertou a Araoz ás tres da mañá para dicirlle que na ría había un obxecto brillante, movéndose sobre os estaleiros de Astano. Aos poucos minutos, Jovalo e Araoz estaban en Fene vendo, abraiados, como un OVNI de cor amarela alcendía e apagaba unhas luces verdosas, ía dun lado a outro de Astano sen apurarse moito, desprazábase ata situarse enriba das instalacións de Bazán, e, por fin, cabo de vinte minutos, desaparecía na boca da ría.

Despois se soubo que o OVNI caera á mar e recollérano uns pescadores de Burela, que ían a Coruña. Mentres apañaban os restos, un avión militar voaba por riba deles e, cando chegaron ao porto coruñés, as autoridades militares requisáronllelos e esixíronlles discreción absoluta.

Araoz soubo que os restos do OVNI viñeran á base militar de A Graña, e valéndose das relacións familiares conseguiu que lle permitisen velo durante tres minutos. Imaxino a súa emoción mentres percorría os túneles baixo o monte para ver o que nin sequera o padre Felices conseguira; e imaxino a súa enorme decepción ao comprobar que nun anaco do aparello líanse as siglas da NASA.

siro@siroartista.com