Cando no ano 1985 se rematou a ponte que une a illa de Arousa co continente, unha xornalista de La Voz de Galicia entrevistou a un vello de noventa anos, que nunca saíra da illa.
-Agora, que xa hai ponte, irá a Vilagarcía. Comentoulle. E o vello, algo picado, respondeulle: -¿E que carallo se me perdeu a min en Vilagarcía?
Xa non existe o viaxeiro-aventureiro, que acadaba sona e prestixio ao narrar as súas vivencias en lugares ignotos, porque hoxe nada é ignoto e todos podemos chegar cómodamente aos confíns do mundo. Endebén, segue habendo quen necesita saír do hábitat natural e non concibe as vacacións de verán sen pasar quince horas de avión na ida ao destino, e outras tantas á volta; pero tamén hai homes e mulleres que, coma o vello da illa de Arousa, sinten que a felicidade está en limitarse.
Dunha e doutra condición son os ferroláns que coñecín, ou cos que me reencontrei virtualmente, a través desta sección; homes e mulleres que deixaron a cidade, case sempre por motivos profesionais. Algúns veñen todos os anos, outros sempre que poden, e outros nunca; pero os máis deles sinten saudades daquel Ferrol que deixaron, e mesmo deste Ferrol que agoniza. Porque, en contra do que se di, os ferroláns queremos a nosa cidade, e facemos bandeira do ferrolanismo; cadaquén ao seu xeito, claro.
A min conmóvenme especialmente as demostracións sinxelas como a do que, hai vinte anos, puxo no porto de Bombai un letreiro que dicía Bar el ferrolano; único texto en español naquel rebumbio comercial. E non digo nada do que unha noite de verán, en Bilbao, sufriu un arrauto etílico-sentimental, empoleirouse na fonte da Praza Elíptica, e empezou a berrar: «¡Soy de Ferrol», tan forte e tantas veces, que non houbo veciño que non se enterase.
Ou como aquel home torto que vin, hai anos, na Praza Maior de Madrid, pintando ao óleo e con espátula pequenas paisaxes do Madrid dos Austras. Eran cadros para turistas, pero facíaos de memoria, sen sequera a axuda dunha foto; así que falei con el. Tiña coarenta anos, era de Serantes e fora sarxento do Exército ata que perdeu o ollo nun accidente; despois casou cunha pintora ambulante, que lle aprendera a súa arte. Tiña nostalxia de Ferrol e díxome que lle gustaría pintar en Serantes, e Chamorro, pero que a dona non quería saír de Madrid. Íao animar a que tentase convencela, cando apareceu unha muller talmente saída dos Caprichos de Goya, que se encarou comigo e preguntoume: «¿Usted va a comprar algo» E como lle respondín que non, volveuse a el e berroulle: «¡Pues menos cháchara y a pintar!» Xa non dixen nada.
No 2000 Chelo Loureiro foi de vacacións con Lois, o fillo, a Marrocos. Nunha viaxe en autobús dende Essaouira a Marrakech, alguén preguntou ao guía marroquino cantos idiomas falaba. O home repondeu que sabía inglés, francés, alemán, italiano «e un pouquiño de galego». Ao parar o bus, Chelo quixo saber por que falaba un pouquiño de galego, e el explicoulle que o pai fora da garda moura de Franco e que estivera destinado varios anos na casa natal, en Ferrol. Cando Chelo lle dixo que ela era de Ferrol, o guía abrazouna, chorou e confesoulle que aquí pasara os anos máis felices da súa vida.
Eu recordo aquel rapaz baixiño, miúdo, máis ou menos da miña idade, ao que chamabamos o mouro; pero que, xa se ve, era tan ferrolán coma nós.
siro@siroartista.com