Sol Maior

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

O sol está a facer das súas neste verán insólito. Despois dun inverno feito eterno e unha primavera feita ausencia, o anticiclón das Azores tivo a ben poñerse onde corresponde, regalando unha sucesión de semanas de sol insólitas, valga o xogo. Incluso, como dirían Les Luthiers, sol sostido polo que vai aguantando, e sol maior pola intensidade coa que cae. Da que dou fe, tras oír que eu non fora o primeiro do día, á amable médica de urxencias que comprobou os estragos nos meus ombros dun par de horas de praia. O protector solar 50 (botado in situ, non na casa antes de saír como se recomenda) non me librou da reacción alérxica do meu pelexo a tanto raio desatado.

A experiencia foime choqueira, despois de botar décadas falando a fillos e alumnado das bondades e perigos do sol e recomendando ler a excelente información da web de Meteogalicia -organismo imprescindible ameazado pola crise e a defender dos falsos aforros: Rajoy non nolo toques- na que podemos comprobar como se acadaron esta semana días con índices moi altos de UV na costa coruñesa, superiores ás Rías Baixas e similares á montaña interior.

Xa se queixaba a moza da canción «Chamácheme moreniña, á vista de tanta xente,...» pois ao sol poñíase quen non lle quedaba outra, e as caras encoiradas de mariñeiros e labregos o dicían todo. Non se trata de renunciar ao sol, si de escoitar á meteoroloxía para non recorrer á dermatoloxía.