Bonilla a la vista

POR SIRO

FERROL

SIRO

O primeiro Bonilla que fixo churros en Ferrol foi Gonzalo Bonilla Aparici, de familia andaluza, pero ferrolán de nacemento. Casou con Antonia Santomás, irmá de las pajaritas, coñecidas planchadoras especializadas en colos amidonados das camisas de mariños de guerra.

Gonzalo e Antonia tiveron dezasete fillos e, para mantelos, empezaron a facer churros, que el vendía á porta da igrexa de san Francisco. O maior dos fillos, Chalo, pai do meu amigo Carlos, o das quinielas, foi quen primeiro puxo unha churrería na cidade, na rúa Magdalena -despois trasladariaa á Praza do Callao-, e chamouna Churrería Bonilla. Outro irmán, Manolo, marchou de polizón a Buenos Aires, onde tamén exerceu de churreiro e montou El Figón de Bonilla, que aínda existe como restaurante. Salvador, o terceiro, entrou en Mariña e foi cabo de manobra; pero no ano 1932, cando tiña 22, decidiu deixar a vida militar para seguir a inclinación familiar e poñer outra churrería na rúa do Cárcere, que chamou Bonilla a la vista. A razón de tan estraño nome ten relación coa súa experiencia no Cervera, porque cando o barco viaxaba e quedaba fondeado nos distintos portos de España, era seguro que se Salvador saía franco de paseo perdía a última lancha de regreso e tiña que alugar un bote, que o levase. Con noite pecha, preguntaban dende a cuberta: -Alto, ¿quién va?, e el, posto en pé, tentando manter o equilibrio e desenvolver a língoa, respondía: -¡Bonilla a la vista!

Salvador casou con María Vázquez, de Maniños, filla de Carmen a Paca, que vendía ameixas no mercado de Ferrol. Ademais de atender a churrería, abriron o Hotel Bonilla, no peirao; e, nos veráns, o Café Alameda, no Cantón, baixo o palco da música. Aquelas noites de sábado, cos meus pais, no café Alameda, vendo actuar a orquestra contratada por Bonilla e os cantantes afeccionados, son dos recordos máis gratos da miña infancia, e xa os comentei noutro artigo. O que non dixen é que, como remate, a orquestra e o público cantaban unha canción que dicía: El café bar alameda/ es un lugar concurrido/ donde el publico se queda/ satisfecho y complacido. /El buen Bonilla a la vista/ del mostrador está al frente. / Su simpatía conquista

Al distinguido cliente.

E sen embargo, as cousas non lles foron ben. Tiveron que pechar o hotel, que tiña 18 empregados, e no 1949 marcharon a Coruña, arruinados. O traslado dos mobles fixérono nun camión que lles prestara Beceiro, o dos xabróns. Empezaron de novo no Orzán, e coa axuda do comisario Rumbao, que os coñecía de Ferrol e facía vista gorda nos horarios, traballaron día e noite. César, o fillo, da primeira promoción da Escola de Náutica de A Coruña, non chegou a embarcar, para facer o seu turno na churrería e reparticións a domicilio; primeiro en bici e logo en moto. Do Orzán pasaron á rúa da Galera, e poideron abrir outra churrería en Vigo. Cando Salvador morreu, no ano 1989, xa César, o fillo, puxera en marcha a fábrica de patacas fritidas Bonilla a la vista, no Polígono de Sabón. César e Lolita, unha parella entrañable, tiveron dous fillos, que estudiaron bioloxía e económicas, pero traballan na empresa familiar.

Todo esto contáballo eu, hai poucos días, ao meu xenro na chocolatería Bonilla a la vista, que hai un ano abriron os nosos paisanos en Madrid, ante uns churros que el papou e eu probei, para dar fe de que teñen sabor ferrolán.

siro@siroartista.com