Supoño que cando escribo este artigo aínda o Racing non xogou o encontro que pode levalo a Segunda B, pero todos confiamos en que o consiga e dea unha alegría á afición e á cidade. Será unha alegría pequeniña, claro, porque ascender a Segunda B non é gran cousa; pero os ferroláns estamos afeitos a celebrar as pequeniñas alegrías como se fosen grandes. Na historia do club recórdase como un fito a final da primeira Copa do Xeneralísimo, que o Racing xogou co Sevilla, en Montjuich, no 1939. O certo é que, sen restar mérito ao noso equipo, que representou a Galicia despois de imporse ao Deportivo e ao Celta, cómpre recoñecer que aquela competición estivo devaluada porque non participaron os representantes da zona roxa tomada polos nacionais nos últimos meses da guerra. Por esa razón non houbo equipos de Madrid, Cataluña e Valencia; nin doutras rexións que non fixeran competición previa, nin das que tiveron problemas económicos. Como na final o Sevilla nos meteu 6 a 2 e, sobre todo, porque a cidade non estaba para celebracións, cando Alberty, Caliche, Moreno, Bertolí, Silvosa, Basterrechea, Lelé, Gallart, Barón, Edelmiro, Portugués e o adestrador José Planas baixaron do tren, agardábanos unha ducia de rapaces que os vitorearon e acompañaron ata o café La Mezquita, na Praza de Armas. O que máis boreaba era un rapaz coxo, que, andando o tempo, sería o coñecidísimo xornalista deportivo Vicente Leirachá. Un dato curioso daquela final da primeira Copa do Xeneralísimo é que Franco non asistiu, e estivo representado polo xeneral Moscardó.
Un ano despois o fútbol conseguira que houbese ferroláns dispostos a superar a traxedia da guerra e ir a Coruña no Tren de la alegría para enfrontarse ao Deportivo, que, como o Racing, estaba en segunda división. Varios miles baixaron da estación ao Obelisco, onde desenvolveron unha alfombra de papel verde, de 40 metros de longo por 15 de ancho, e paralizaron o tráfico. Xa contei que, á volta, o tren quedou medio desfeito polos croiazos que lle largaron ao pasar por O Burgo.
Grazas á mili o Racing tivo moitos excelentes xogadores, como os vascos Gorostiza, Silvosa, os irmáns Regueiro -vascos con apelido galego, como Caeiro, a quen vin meter un gol de cabeza dende fóra da área-; pero tamén outros que viñeron por diferentes motivos, como Juanito Alonso, o porteiro que acadaría cinco copas de Europa co Real Madrid, e que fichou co Racing porque o mítico Ricardo Zamora non o quixo para o Celta. Endebén, o porteiro máis querido en Ferrol foi o venezolano Franklin -un negro con alma ferrolana, segundo el mesmo dicía-, que xogou do 1956 ao 1961. Ao deixar o fútbol tivo varios traballos na cidade, pero marchou a Venezuela, onde foi segundo adestrador do Caracas F.C., que no ano 87 veu xogar co Racing un trofeo Concepción Arenal. Non sei cal foi o resultado, pero si que Franklin escoitou a ovación máis grande da súa vida. Mentres escribo, véxoo a el e a outros xogadores que aplaudín, como Perniche, os Anca, Ledo, Alvarito, Suco, Santiago Castro, Marcelino? E tamén a Larraz el pibe de oro, un arxentino pequeniño, con moito toque de balón. Trouxérao o Deportivo do Granada, desatendendo o consello do porteiro coruñés Otero Parrocho, que remataba a carreira deportiva no club andaluz, e dixéralles: -Se queredes un tanguista, fichade a Larraz; se queredes un futuro fenómeno, fichade un rapaz que nos cedeu o Madrid. Chámase Pirri. Non lle fixeron caso e Larraz acabou no Racing.
siro@siroartista.com