Blanco Amor en Ferrol

POR SIRO

FERROL

SIRO

05 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A única homenaxe que o escritor ourensán Eduardo Blanco Amor recibiu en vida fíxoselle no Círculo Cultural de Perlío, no ano 1976, tres antes da súa morte. Eduardo veu desde Ourense, onde residía despois de pasar corenta e seis anos en Buenos Aires, e asistiu á representación da súa comedia O Cantar dos Cantares, que representou o grupo de teatro do Círculo, dirixido polo exfutbolista Celestino Ledo, e no que estaban actores e actrices das dúas bandas da ría, como Mabel Rivera, Carlos Basoa e Lina Luaces, entre moitos outros. Na cea que seguiu á representación Blanco Amor falou da súa experiencia como autor e director teatral na Arxentina, e cando alguén lle preguntou se nunca subira a un escenario como actor, respondeu: ­«Unha vez, por indisposición dun actor secundario».

A obra desenvolvíase no ambiente do século XVII, e ao día seguinte un crítico escribiu: «En el escenario, el señor Blanco Amor solo ha lucido unas hermosas pantorrillas».

Pero fóra do escenario, como conferenciante, resultaba un actor extraordinario. Non recordo quen arranxou, no 1975, un ciclo de conferencias sobre Castelao, que se repetiu en varias cidades galegas, en días consecutivos e sempre na mesma orde, para tratar as facetas de artista, escritor, político, autor teatral? Blanco Amor falaba de Castelao no exilio e, ao día seguinte, eu sobre Castelao humorista. Estou certo de que cantos asistiron á conferencia de Blanco Amor no salón de actos de Caixa Galicia en Ferrol non esqueceron a emoción que sentiron cando Eduardo narrou con voz tremelante a morte de Castelao e a anguria da comunidade galega, que encheu o hospital de ramos e coroas de flores. O clímax acadouse cando Eduardo, administrando sabiamente os silenzos, dixo: «E de súpeto, unha mulleriña moi vella e moi pobre entrou no hospital cunha única flor na man; unha rosa vermella?».

Non puido seguir falando, crebóuselle a voz e tivo que beber auga. O silenzo no auditorio era absoluto e as bágoas correron por moitos rostros. Ao día seguinte Blanco Amor repetía a conferencia en Lugo, e cando eu cheguei, dous días despois, varios amigos comentáronme, conmovidos, como a Blanco Amor se lle crebara a voz e tivera que beber auga, ao falar dunha velliña que entrara no hospital cunha única flor na man.

Pero penso que a mellor actuación de Blanco Amor foi na conferencia inaugural do Ateneo Ferrolán, o 26 de setembro de 1976, no Instituto Feminino. Tratou sobre Ramón Cabanillas e o futuro da cultura galega, e empezouna abrindo un libro moi groso e lendo un parágrafo, verdadeiramente infumable, que el facía máis ridículo ao enfatizar as palabras menos afortunadas. O auditorio, que enchía o salón de actos, empezou a rir cada vez máis, e cando Blanco Amor rematou a lectura, bateu o libro contra a mesa, e dixo: «¡Se isto é galego, eu son o bispo de Ourense!». E a gargallada resoou fóra do edificio.

Eu estaba abraiado porque aquel texto que Blanco Amor convertera en risible ante varios centos de ferroláns era o comezo do prólogo que Ricardo Carballo Calero puxera ás obras completas de Ramón Cabanillas, editadas no 1959 polo Centro Galego de Buenos Aires.

Blanco Amor tiña ciumes de Cunqueiro e sentíase maltratado por Carballo; por iso cando lle preguntei por que o fixera, sorriu de orella a orella e respondeume: «Non hai nada como unha victoria en cancha allea».

siro@siroartista.com