Mañán celebrarase a romería da Virxe de Chamorro, que -cómpre recoñecelo-, xa non é o que era. Na miña infancia, milleiros de ferroláns perdían o alento subindo monte arriba, entre pedras e toxos, que aínda non se asfaltara a estrada que leva á ermida. Había quen ía por pasar un día no campo, pero os máis facíano por fervor relixioso, e algúns ata subían de xoenllos aquela costa que tanto amolaba subir a pé. Xa contei que miña avoa materna, enferma de tise, ofrecérase a subila e morreu sen facelo, polo que meu avó Baldomero, o zapateiro da Malata, arranxou unhas xoenlleiras de coiro, foi buscala ao cemiterio e cumpriu a promesa por ela. Camiño para subir, non había ningún; pero si unha ruta sinalada por un vía crucis, máis longa, pero con menos pendente. Despois, as que se quixesen.
Como en tantas outras lendas de santuarios marianos, tamén a de Chamorro conta que a Virxe se apareceu a un pastor no lugar onde se ergue a capela, e aínda hoxe hai quen explica o nome dicindo que vén dun mariñeiro, a piques de ser levado polas ondas, que berrou: «¡Xa morro». Pero non morreu, porque se encomendou á Virxe. Non hai tal; a voz chamorro é, en galego, un penedo redondeado ou un chan de penedos; polo que o topónimo pode aludir a todo o monte, con moita pedra e pouca vexetación, ou á pedra grande, redonda e cunha fenda na parte baixa, onde, segundo a tradición, apareceu a Virxe.
A ermida érguese nun lugar de culto pagano, cunha pedra móbil, que a Eirexa cristianou erguendo a capela coa pedra como alicerce -co que quedou fixa-, e dando á Virxe un novo nome: Virxe do Nordés. Malia o ben que soa e o bonito que é, o novo nome non tivo éxito, pero si a aparición milagreira, e os romeiros, ademais de encher a capela de cirios e ex votos, debruzábanse no chan para ver a Virxe na fenda da pena, e víana con emoción. O que vían, os que vían algo, era unha gravura indefinida que alguén fixo sendo a pedra oscilante, pero eu debía de esperar algo máis impoñente, porque nunca vin nada. Os meus amigos Alberto e Arturito si que a vían, así que, despois de agachar varias veces, tamén eu remataba dicindo que a vira. Hai coarenta anos volvín a Chamorro, achegueime á pena e agachei cunha lanterna na man, pero non vin máis que un papeliño dobrado. Era unha nota conmovedora, escrita con letra insegura e mala ortografía, que dicía: Virgen de Chamorro querida, haz que no me quede embarazada. Acordeime do meu amigo Armando, que, hai setenta anos, deixara unha foto súa, quen sabe por que.
Polo menos unha vez a Virxe de Chamorro foi levada en procesión dende o monte a San Xulián, pero, por conversas con amigos maiores ca min, penso que poideron ser dúas: no ano coarenta, durante a celebración do Congreso Eucarístico en Ferrol; e despois, na visita do padre Peyton á cidade. O que me estraña é que os compositores ferroláns non fixesen cancións á Virxe de Chamorro, pero só coñezo a de José Luis París, o dos Zafiros, que interpreta a rondalla do Club de Campo.
Franco e a muller eran devotos da Virxe de Chamorro, pero empezaron a visitala cando o coronel Miguel López Uriarte e o capitán Juan Cardona promoveron o acondicionamento da estrada que vai ao santuario. Deles tratarei no próximo artigo.