Faro de cine

Xan R. Silvar

FERROL

Programa sobre cine nunha radio española. Tras dos resultados dos Premios Goya, o comentarista louva moi positivamente o cine de animación galego, poñéndoo non so á cabeza do que se fai en España, senón subliñando a positiva valoración que del fai o sector mundial desta especialidade cinematográfica. A explicación? O experto cita ademais do talento, presente en principio en calquera parte, á acertada política de apoio a esta industria cultural (ou cultura industrial?) seguida nos últimos lustros. Apoio institucional resumido polo Consorcio Audiovisual de Galicia, cando recolle que dende 1994 xurdiron unhas cento cincuenta empresas produtoras. Ademais etas aumentaron dende entón tanto a facturación, un 300%, como a calidade, recompensada nos últimos anos por importantes premios españois e internacionais. Fitos como que O bosque animado fora a primeira animación europea en 3D, ou o recentes premios Goya a Enrugas dirixido tamén por Ángel de la Cruz, como mellor longametraxe de animación e mellor guión adaptado. Hai un produto galego recoñecido mundialmente cando hai apoio ao talento creativo e á iniciativa emprendedora. Cada euro destinado a cultura ou a ciencia multiplícase non so polo necesario retorno económico, tamén polo prestixio país. Como recomendaba o experto en cine, copiemos a Galicia, un pequeno país con 2,7 millóns de habitantes de onde sae tan boa cousa.