Ferrol Vello, vida nova

Miguel Reimúndez ARQUITECTO

FERROL

No estado actual de Ferrol Vello inflúen moitos factores: sucesivas crises económicas e demográficas, concentración da propiedade en poucas mans, ou a perda do seu rol central na cidade, ao deixar de ser a súa principal porta de entrada. O resultado son corenta anos de abandono e só, recentemente, coa subvención das actuacións de rehabilitación dende o ano 2003, unha tímida recuperación. Cada vez que cae un muro ou hai un incendio, ideas como protexer catro edificios, meter pala ao resto e deixar que decidan os que teñen a pasta soan como golpes enriba da mesa. Sen embargo a solución a esta situación é moito máis complexa. Xa coñecemos a experiencia doutros cascos históricos, xa recuperados. Un marco normativo orientado á rehabilitación e o seu fomento económico convirten a estes barrios en lugares atractivos para vivir. A opción da «piqueta» foi posible ata o ano 2009, cando se incoa a declaración de BIC; ata esa data só produciu abandono e ruina.

Para frear o abandono e deterioro do barrio débense, por unha banda, priorizar as obras de mantemento e conservación dos edificios habitados, vía axudas públicas e axilidade nas licencias. Pola outra, esixir aos propietarios a súa responsabilidade de rehabilitación, vía aplicación da ordenanza de solares nos 50 edificios baleirados ou ruinosos e solares do total de 241 inmobles do ámbito declarado BIC. As iniciativas puramente inmobiliarias non deberían comprometer a habitabilidade do espazo público e o respecto aos seus valores culturais, basados na súa traza e parcelario, mais tamén na dialéctica entre as arquitecturas menudas, máis comúns, de menor porte, e as súas singularidades, máis monumentais. Sabemos que a situación de deterioro do barrio non se vai resolver a curto prazo. A capacidade da administración pública municipal será a chave para a duración deste proceso, tanto para aplicar as súas propias normativas como para ter iniciativas de rehabilitación propias nos inmobles da súa propiedade.