Nun anuario ferrolán do ano 1936 anúncianse as escolas de Asunción López Freire, Manuela Montero, Soledad Pombar, José Rapariz, Manuel Masdías, Benito Lázaro e Andrés López Otero, ademais do Tirso de Molina, o Instituto Concepción Arenal, a Escola obreira, a Escola Elemental do Traballo, a Academia Mercantil e a interesantísima Escola Racionalista, creada polos anarquistas, que tan ben estudiou Eliseo Fernández. Pero había moitas máis nunha cidade que non chegaba aos 48.000 habitantes, e na que o Centro Obreiro de Cultura tiña gran protagonismo. Un daqueles republicáns preocupados pola docencia foi Andrés López Beceiro, quen, ademais de dirixir a Escola obreira, creou nas mesmas aulas, no ano 1926, a Escola Nocturna para impartir formación profesional de gran nivel nas especialidades de Contabilidade, Casco e Maquinaria. Tan ambicioso proxecto puido facelo realidade co apoio do mariño e enxeñeiro naval Juan Antonio Suanzes, que se responsabilizou da dirección.
A carón de Andrés López Beceiro formouse como docente o fillo, Andrés López Dafonte. Despois de facerse mestre nacional, empezou, por libre, as carreiras de Dereito e Ciencias Exactas na Universidade Central de Madrid, e cando a guerra lle impediu rematalas, creou a Academia Dafonte na rúa do Sol, con parte do profesorado que xa colaborara co pai e con el mesmo. Profesor de Dafonte foi o matemático Juan Viaño -para o ex directivo de Astano, José Vázquez Deus, o mellor ensinante que tivo-, e outros tan coñecidos na cidade como Leira Domínguez, Carballo Calero, Alfonso Cerradas, Elisa Rey Alonso e Antonio Sixto Palmero.
No ano 1946 Andrés López Dafonte casou con Carmina Sanjuán Maristany, filla dos ferroláns América Maristany -de familia riquísima- e Edmundo Sanjuán Cañete, un dos poucos mandos do Corpo Xeral de Mariña que ficaron fieis á República. Destinado no País Vasco cando se produciron os bombardeos de Durango e Guernica, organizou, baixo as ordes do lehendakari Aguirre, a saída por mar de 4.000 nenos con destino a Inglaterra, entre os que ían os seus fillos. Carmina e o irmán Pedro volveron cando a Guerra Mundial poñía en perigo as súas vidas. A interesante historia desta familia pódese coñecer por varios traballos que José María López Dafonte publicou en Internet.
O colexio ía ben, mesmo no aspecto deportivo. A verdade é que nos anos cincuenta a ximnasia e a práctica do deporte eran cousa de risa en todos os centros, pero a Academia Dafonte gañou en fútbol e baloncesto os Xogos Deportivos Escolares do 1951, que foi todo un éxito. Aínda así, Andrés López Dafonte fixo oposicións a profesor da Escola de Infantería de Mariña e a Habilitado de Clases Pasivas, e gañou as dúas. Morreu novo, no 1961, con só 54 anos. A viúva tivo ofertas de compra do colexio, pero non só non o vendeu, senón que ocupou a xerencia, deu clases de inglés, e conseguiu a licencia para impartir o ciclo superior do bacharelato.
En Dafonte estudiaron amigos meus como o médico Agustín Sixto Seco, o realizador de televisión Eugenio Pena ou o cantor Pepe Romero. Os tres me falaron moi ben do centro. Hai poucos días recordaba con Pepe Romero os seus últimos encontros no Cantón con Carmina, xa xubilada. Os dous amaban a música e remataban cantando a dúo Esclavo soy, negro nací, da zarzuela La Virgen Morena.
siro@siroartista.com