Dous actores

POR SIRO

FERROL

SIRO

16 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Dixen que con Lorc and July remataba o apartado adicado aos ferroláns que triunfaran fóra da cidade, pero tiven un trasacordo e contarei algo de dous actores; coñecidísimo un, ignorado o outro, malia ter un currículum profesional excelente. Con el empezo.

Chamábase Julio Sanjuán e nacera en Ferrol no ano 1883. Era fillo de Edmundo Sanjuán Armesto, maquinista da Armada e de Dolores Cañete Seoane, ambos ferroláns, e aquí viviu ata que marchou a Madrid para ser actor. Empezou na compañía titular do Teatro de la Comedia cos máis destacados elencos, realizou varias xiras por América, sobre todo por Arxentina, onde casou, e, ao rematar a guerra civil, formou compañía co gran actor Antonio Vico, o que aumentou o seu prestixio. Despois estaría nas de de Pepe Isbert, Fernando Fernán Gómez e Alberto Closas. No cine participou en películas tan coñecidas como Morena clara, El inquilino, La vida por delante, Mi tío Jacinto ou Un rayo de luz, onde fixo de avó rosmón de Marisol. Morreu en Madrid no 1967. Seica era tan boa persoa como bo actor. Nunca volveu a Ferrol.

Dona Victoria Carballo e a marquesa de San Saturnino eran tan ricas, que cando xogaban ás cartas non apostaban cartos, senón fincas. Tamén din que Franco non lle tiña simpatía a dona Victoria, porque non lle permitira cortexar a Inés, a filla, que casou con Víctor Manuel Taibo, director do Banco Hispano Americano. Fillo de Inés e Víctor é o actor Rafael Taibo, que xa de neno, cando estudiaba no Tirso, montara con outros alumnos a comedia Los cuatro Robinsones, de Muñoz Seca. Anos despois integraríase no grupo Talía, o primeiro que houbo en Ferrol despois da guerra, dirixido durante algún tempo por Cholo Castro, o xerente do Jofre, e, ocasionalmente, polo políglota Fernando Pérez-Barreiro, de quen falei noutro artigo.

José Antonio de la Vega, que dirixía programas en Radio Ferrol co seudónimo de Yayo Martín, invitouno a facer teatro radiofónico; Taibo aceptou e representou, con xente da emisora, Cuento de Navidad, de Dickens. O seu futuro de actor quedaba marcado, e cando a finais dos anos cincoenta, chegou a Madrid, sen traballo, cunha man diante e outra atrás, e se presentou en Radio Madrid, contratárono de contado para formar parte do grupo de actores da SER.

Comezou entón unha etapa profesional na que alternou o teatro coa dobraxe, o traballo en televisión e a publicidade. A voz, tan persoal, abriulle as portas de Radio Nacional, pero no ano 1963 foi despedido por dirixir o Club de Amigos de la Unesco en Madrid. Reingresaría no 1978 para retransmitir os concertos de música clásica. Un ano antes acadara un éxito extraordinario como narrador da serie Mundo submarino, protagonizada polo comandante Cousteau.

O escritor Marcial Suárez conta no libro O acomodador e outras historias, publicado en 1969, que Rafael Taibo sentiu morriña por primeira vez unha noite que durmiu en Pontedeume. Taibo recoñece que é certo, e que para el foi unha desgraza ter que saír de Ferrol. Tamén di que agora, con 76 anos, xa non quere volver porque este non é o seu Ferrol. Gustaríalle vir para facer en TV un programa que evocase a cidade da súa xuventude, unha viaxe pola nostalxia; algo como esta serie, pero en imaxes

siro@siroartista.com