Chamábase Fernando Pérez-Barreiro Nolla e era fillo do avogado e escritor Fernando Pérez Barreiro, que viñera de Viveiro para dirixir El Correo Gallego, e da ferrolá Matilde Nolla, secretaria, primeiro na Constructora e despois no despacho do home. Nado no 1931, Fernando estudiou o bacharelato en Rapariz, onde foi alumno de Carballo Calero, quen influiu na súa formación, como Bello Piñeiro e Manuel Fernández Barreiro. Cando marchou a Compostela para estudiar Dereito era xa un mozo con tanta curiosidade intelectual, tan intelixente e de tan portentosa memoria, que puido sobresaír como o mellor alumno do curso, facer poesía, estudiar idiomas e dirixir o grupo de Teatro Experimental dos Colexios Maiores, co que montou A cantante calva, de Ionesco, e Panteón familiar, de Tomás Barros, con Teresa Barro -unha coruñesa estudiante de Filosofía- como protagonista feminina, que sería a súa muller e colaboradora desde o 1962.
No 52 convaleceu de tuberculose na casa familiar, na rúa María, pero, en canto puido, se incorporou ás tertulias que no Bonilla tiñan os seus amigos da revista Aturuxo, Miguel Carlos Vidal, Tomás Barros e Mario Couceiro, aos que lía directamente do francés e do inglés obras que aínda non foran traducidas ao castelán, ademais de informalos do teatro experimental que se estaba a facer no mundo. Ao rematar a carreira quixo facer oposicións pero a cousa saiu mal porque nunha proba oral viu que os membros do tribunal falaban entre eles, sen lle prestar atención, polo que calou e cando lle preguntaron que lle pasaba, respondeulles que agardaba a que rematasen para falar el.
Ao ano de casados, Fernando e Teresa marcharon a Londres, para que el traballase na sección española dos servicios exteriores da BBC, e despois como traductor na Organización Mundial do Café, ata a xubilación, en 1993. Falaba perfectamente francés, inglés e portugués, e sabía noruegués -o que lle permitía entender sueco e danés-, holandés, grego moderno, alemán e algo de finlandés. No 1983 licenciouse en lingua e literatura chinesas pola universidade de Westminster, e cando xa rondaba os 70 anos emprendeu o estudo do hebreo, con resultados espectaculares. No 72 traduciu ao galego A traxedia de Macbeth, de Shakespeare; no 82 unha colección de narrativa chinesa, que titulou Flores e leña; e tres anos despois, coa muller, Alicia no país das marabillas e Alicia do outro lado do espello.
Pérez-Barreiro foi recoñecido como un dos mellores traductores do mundo, e, sen embargo, a traducción non o entusiasmaba. A súa paixón era aprender e transmitir coñecemento; por eso disfrutou coa docencia nas Universidades de Londres e Granada. Endebén, sempre se considerou, por riba de todo, poeta. Teresa cre que, escribise ou non poesía, era poeta de alma e viviu sempre como un poeta. Para os alleos, Fernando era, ante todo, un humanista de enorme intelixencia. Eduardo Punset, que traballou con el na BBC, escribiu: «No he conocido a otro pensador ni tan bueno ni tan ignorado. Fue mi década de exilio en Londres, pero él me la convirtió en el centro de un universo».
Aínda que Fernando Pérez-Barreiro rexeitaba a morriña, sempre mantivo vivo o recordo de Ferrol. Morreu en Lancaster, en xaneiro de 2010. Non había moito cantaruxara unhas cancións das Pepitas.
siro@siroartista.com