Mentir non pode saír gratis

José Ignacio Naveiras Portavoz del comité de Navantia

FERROL

28 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Fai xa case dous anos que os traballadores dos estaleiros denunciábamos que de non concretarse pedidos o deterioro do sector naval arrastraría á economía da comarca. Tras o lustro con máis carga de traballo que se recorda descoidábase a acción comercial e a oportunidade de apuntalar o futuro con encargos estranxeiros cando xa se intuía unha máis que posible rebaixa da demanda por parte da Armada Española. Incluíamos unha reivindicación complementaria á carga de traballo, o dique flotante, como solución en dúas vertentes xa que aportaría emprego inmediato e reforzaría o presente e o futuro da área de Reparacións, na que somos referencia mundial.

A estratexia dos traballadores e traballadoras estendeuse dende as fábricas ata a ó ámbito político e social e tivo reflexo en varias mobilizacións cidadáns multitudinarias. Recabamos apoios de todo o espectro político pero especialmente comprometidos co dique apareceron os responsables do PP que naqueles intres eran aspirantes ó Goberno Central. Compromisos arrancados nesa etapa forzaron despois, tamén en época preelectoral das autonómicas, anuncios precipitados de traballo (remolcadores, quimiqueiros, floteis, etc.) pouco ou nada cribles e con datos falsos de creación de emprego. Constituíuse a mesa de seguimento do dique e mesmo Navantia modificou a súa opinión sobre o mesmo. A unanimidade na reclamación foi absoluta se temos en conta o feito nada común de que o empresariado do naval, mais afeito a recoller que a sembrar, facía propostas de participación e comprometíase no proxecto ofrecendo alternativas concretas. Piden os políticos unhas semanas mais, boas sexan, pero non para dilatar. O PP ten que cumprir e non escudarse tras Bruxelas ou Almunia como sempre desconfiamos. Sen compromiso político non hai futuro en Ferrol para traballadores, sector servizos, empresarios (xa sexan ou non do naval) nin haberá futuro para os propios políticos. É certo, os votos xa están recontados, pero non menos certo é que a herdanza recibida non vale como desculpa cando ven dun goberno amigo. Parafraseando a Feijoo só queda esixirlle a él mesmo, a Javier Guerra, a Bernardo Tahoces, a Rey Varela, a Miguel Tellado e a todos os responsables que se comprometeron que movan o cú e obriguen ó seu partido en Madrid a cumprir co dique pero tamén coa carga de traballo real, ou dimitir inmediatamente. O reconto do domingo pasado foi de votos non de cheques en branco e por iso os traballadores continuaremos na loita ata que cumpran.