Un ferrolán en África

Siro
SIRO FERROL

FERROL

Siro

14 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

De rapaz, cando vivía en Ferrol, os amigos coñecíano por Pablo Tafal, por ser fillo do doutor Fernández Tafal, quen, ademais de médico querido na cidade, foi presidente do Racing. Chámase Pablo Fernández Cartagena, e naceu no ano 1930 en Madrid, onde o pai exercía a profesión na Beneficencia Municipal. Como a familia era profundamente católica, no ano 36 Pablito ía á escola a un convento de frades que uns bárbaros queimaron cos nenos dentro.

Os anos da guerra civil pasounos en Madrid ata que o Socorro Roxo o sacou, con outras dúas irmás. Á maior levárona a Bélxica e a el a Francia; a pequena morreu de neumonía mentres agardaba ser evacuada, en Barcelona.

Pablo estudiou en francés e español en Bayonne, no fermoso Chateau Le Vigneau, rodeado de xardíns e bosques, con outros nenos españoles, e, ao rematar a guerra, volveu a España coa irmá, á que pasaran de Bélxica a Biarritz. Reunida de novo a familia, o doutor Tafal decidiu volver a Galicia e vir a Ferrol.

Pablo asistiu ao Instituto, nunha clase mixta, da que aínda recorda os nomes e apelidos de todos compañeiros e compañeiras, e despois marchou a Madrid para facerse médico. Formouse en materias tan diversas como Cirurxía, Traumatoloxía, Parasitoloxía., Microbioloxía, Saúde Pública ou tratamento da lepra, o que explica que no ano 1961 fose reclutado pola Organización Mundial da Saúde para exercer de médico omnipraticien -médico e cirurxián para todo e todos- na República do Congo.

No 1966 foi tamén, e sobre todo, médico epidemiólogo, responsable dun dos tres equipos que se encargaron da erradicación da virola e da protección contra a tuberculose naquel país. El foi quen vacinou ao presidente Mobutu no seu pazo de Kinshasa, ante as cámaras da TV congoleña para dar exemplo á cidadanía.

A guerra civil no país esixía que un médico no Congo tivese moito de Indiana Jones, e Pablo tíñao.

Foi expulsado de centros hospitalarios, traballou escoltado pola policía e o exército, estivo dúas veces no cárcere e outra a punto de ser executado por un tolo uniformado; tivo que ser evacuado urxentemente por un helicóptero da ONU, e cando puido volver descubriu que os rebeldes asasinaran a un cento de persoas que estaban nos dous hospitais ao seu cargo; pero seguiu á fronte do grupo ata o ano 1972.

Como epidemiólogo Pablo traballou en gran parte de África, ata que se xubilou, no 1988. Aínda que o seu labor tivo o recoñecemento da Administración dos EEUU e que o Rei de España lle concedeu a Cruz de Oficial da Orde do mérito Civil, pode que tivese a maior satisfacción no ano 1979, cando a Organización Mundial da Saúde certificou a erradicación da virola, que no século XX causara en África entre 300 e 500 millóns de mortes. A peor das tristuras foi, sen dúbida, a morte de dous dos seus fillos por paludismo.

Casado por segunda vez cunha diplomática alemana, Pablo viviu despois da xubilación en Polonia, Turkía, a desaparecida República Federal Alemana, o Reino Unido e Siria. Alguén poderá preguntar que lle queda de ferrolán a este médico aventureiro e trotamundos que agora vive na cidade alemana de Bamberg. Quédalle a alma, por eso fai a compra nun supermercado chamado La casa de España: vai, sempre que pode, ao centro galego de Nuremberg; e pasa as vacacións de verán en Ferrol.