De amor e humor

POR SIRO

FERROL

SIRO

No Ferrol da miña infancia ninguén se sentía aldraxado se lle chamaban cipote, que se entendía como un alcume menor, sinónimo de parvo, paspán ou palimocas. Nós diciámolo moito, pero coido que caeu en desuso e que hoxe cipote só se aplica ao membro viril de gran calidade, como fixo Camilo José Cela, no ano 1971, ao converter un suceso amoroso, protagonizado por unha xove parella nun pobo de Málaga, en noticia erótico-festiva en toda España, cunha serie de artigos publicados baixo a epígrafe de La insólita y gloriosa hazaña del cipote de Archidona. Os máis dos lectores recordarán o incidente: os noivos estaban no cine, en Archidona, facendo xogos de mans na escuridade, cando ao mozo se lle disparou o cipote e soltou un chorro con tal potencia e abundancia, que describiu unha parábola altísima e foi caer sobre os espectadores que ocupaban as dúas filas posteriores. Os berros dos afectados obrigaron a alcender as luces, apareceron os gardas, os noivos foron detidos, e o xuiz condenounos a atender as reclamacións dos damnificados, desde un coñecido industrial que mostrou o traxe inservible, a unha dama que tivo que pasar urxentísimamente pola perruquería. As cartas cruzadas entre dous escritores do prestixio de Cela e Alfonso Canales, con evidente enxeño por ambas partes, seguiron enchendo páxinas de revistas, que Cela recolleu nun libro, no 1977; sobre o que Mariano Ozores dirixiu unha película no 1979. Media España riu unha década coa gamberrada e a crueldade destes intelectuais, e a outra metade compadeceu a aqueles xoves apaixonados, que casaron de contado e fuxiron onde ninguén os coñecese.

Moitos anos antes, en Ferrol, outro enorme cipote acadara recoñecemento popular nunha canción das comparsas. Aquí os autores da gamberrada non foran escritores de talento, senón versificadores mediocres que axeitaron como poideron a letra á música do cuplé Frou-frou, que eu oín a Lilián de Celis, e os ferroláns da xeración anterior á Tufitos, unha cupletista xubilada, veciña de Ferrol, que actuaba nas tómbolas do Cantón. Neste caso a víctima foi unha rapaza inocente que confiou nun mozo mentirán e indiscreto, que contou o que estaba obrigado a calar.

A canción titulouse Una noche en la calle Real, e di así: Una noche en la calle Real/ una joven decía a su amor:/ -yo no bajo esta noche al portal/ porque tú tienes mucho calor./ El galán, que era un poco gachí,/ derrochando palabras de miel,/ le decía, doliéndose así,/ en un tono de cariño fiel:/ -Por Dios, por Dios, querida Nicolasa;/ por Dios, por Dios, tu amor es especial;/ ya sabes tú que asi nadie se casa,/ y yo lo haré si bajas al portal./ La muchacha escuchando al galán,/ en él pone toda su atención,/ y al verle tan firme y cordial,/ siente cosas en el corazón./ Él se arrima con gran frenesí,/ ella tiembla con fuego cruel,/ y temblando le dice que sí,/ accediendo a lo que pide él./ En el portal él se siente amoroso,/ en el portal la niña se asustó./ Se oyó -«¡Jesús!» El galán se disculpa,/ luego después no sé lo que pasó.

Podemos imaxinar o disgusto da rapaza ao verse protagonista da canción, aínda que fose baixo o nome falso de Nicolasa; sen embargo, pasado o tempo e esquecida a gamberrada, Una noche en la calle Real é unha canción moi divertida no repertorio desa agrupación admirable que é Bohemios.

siro@siroartista.com