O humor de Franco

POR SIRO

FERROL

Siro

¿Tiña sentido do humor o primeiro dos españoles e, polo tanto, o primeiro dos ferroláns?

O escultor coruñés Manuel Ferreiro Badía, que deixou en Ferrol obras tan excelentes como os monumentos a Rosalía, Torrente e Camilo Díaz Valiño -este último roubado do pedestal do Cantón, e sustituído por outro de Gascón-, xogaba de rapaz, ao mus, no Azor, formando parella co comandante Fernando Suances, contra Franco e o coronel Colubi, e di que Franco tiña moi mal perder e collía uns cabreos tremendos. Carandell contaba que naqueles anos o embaixador inglés en España, mister Hayes, afirmaba que Franco facía política galega, aludindo -supoño- ao xeito que o Caudillo tiña de desfacerse dos interlocutores que acodían a el con queixas e problemas, valéndose dun humor, que, malia a amabilidade das respostas, compre calificar de satírico, porque deixaba os interlocutores no máis absoluto ridículo, sabedores de que lles tomara o pelo, e, aínda por riba, obrigados a lle dar as grazas. Xa contei cando Fraga se lle queixou dun gobernador civil que o maltratara, e Franco aconsellouno: «Yo de usted dejaría las cosas como están, porque ese gobernador tiene muy buenas agarraderas». Coñecida é a resposta que deu ao xornalista Rodríguez Rollo, queixoso do trato dalgúns mandamáis do Réxime: «Haga como yo, no se meta en política». Cun exministro doído pola perda da carteira, mostrouse especialmente comprensivo e solidario: «Van a por nosotros». Nunha xornada de pesca en Asturias, algúns membros do grupo falaban dalguén a quen non vían desde había anos, e Franco explicou: -A ése lo mataron los nacionales.

No NO-DO e na prensa, Franco aparecía sempre serio. Tamén TVE pechou as emisións, durante vinte anos, cunha foto do Caudillo con rostro severo e lucindo a laureada de San Fernando, que el mesmo se concedera. A comezos dos setenta TVE trocou aquela foto, por outra dun Franco surrinte e sen laureada, pero os españoles da cáscara amarga seguimos pensando que Franco non ría. E sen embargo eu fíxeno rir a cachón.

No ano 1971 aínda a prensa non publicaba caricaturas de Franco. Algún xornal atrevérase con caricaturas pequeniñas e moi benévolas, pero eu, querendo romper unha lanza pola liberdade informativa, leveille a Luis Blanco Vila, flamante director de El Ideal Gallego, unha caricatura de Franco pescando na popa do Azor, feita con esmero en grandes dimensións, e propúxenlle que, aproveitando a próxima chegada de Franco ao Pazo de Meirás, a publicaramos a toda páxina. Blanco Vila fixo xestións no ministerio e dixéronlle que non; entón, sen contar comigo, enmarcou a caricatura, pediu audiencia con Franco, e levoulla ao Pazo de Meirás. A caricatura máis era para parecer mal que ben, cun Franco pequeniño e con narís enorme, pero cando o Caudillo a viu preguntou: «¿Quién hizo ésto?» E Blanco Vila respondeulle: «Un paisano de su Excelencia». Entón Franco empezou a ollala e empezou a rir; e tanto riu que todos os presentes sentíronse na obriga de rir tamén, e riron con el. Despois Franco chamou a un asistente e ordeoulle: «Que lleven esto a Madrid y que lo pongan en mi despacho».

Blanco Vila saiu feliz, pensando no ben que lle saíra a xogada; pero cando chegou ao despacho xa tiña unha nota do ministerio, que dicía: «A pesar de todo, no la publiques». E non se publicou.

siro@siroartista.com