Sentir en carne propia


Hai xa bastantes anos tiven a sorte de traballar uns anos na Delegación de Cáritas de Ferrol. Foi un traballo que deixou en min unha fonda pegada. Dende entón estou convencido de que o traballo a favor dos máis pobres marca a propia vida, e ensancha o corazón de quen é capaz de dar algo da súa vida en favor dos empobrecidos por unha sociedade inxusta e egoísta. Pero non é o mesmo ser solidario e ter sensibilidade para cos pobres, por moi grande que esta sexa, que ser realmente pobre e sentir na propia carne o zarpazo que non che permite poder levar á túa boca, e á dos teus fillos, aquilo mínimo que é preciso para vivir.

Esta situación, que deixaba a un impotente, estase a dar neste intre, entre nós, cunhas características alarmantes, na que a sociedade do benestar vai deixando á beira dos camiños a moitos seres humanos que, como se foran a escoria, condena á indixencia a miles de persoas, especialmente xoves e mulleres.

Por isto, na conversa de cada día un escoita comentarios e preguntas ás que non sabe responder.

A xente non comprende, e un tampouco, como se pode deixar a unha familia sen vivenda, quedarse tan tranquilos, e por riba ter que seguir a pagar a hipoteca que gravaba sobre ela.

Como se pode condenar á cadea a unha persoa que fai pequenos roubos para subsistir, e deixar en liberdade a persoeiros, da máis variada pelaxe, en liberdade e sen restituír á sociedade aquilo que levaron inxustamente? B. Brech dicía que unha sociedade así tiña que ser insoportable para a conciencia dun cristián, e non só dun cristián senón de calquera persoa que teña un mínimo de dignidade humana.

Este é o escándalo do século, que pon de manifesto a incapacidade dos actuais sistemas de convivencia humana para promover o ben común e a dignidade da persoa como obxectivo primordial de todo sistema político e económico.

É preciso reflexionar e actuar urxentemente sobre as raíces profundas da pobreza material e da miseria humana que suscita a indiferenza do ser humano de cara aos sofrementos dos seus semellantes.

Se non se fai así, mañá pode tocarnos a calquera de nós, en vez de falar, sentir en propia carne o que significa ser pobre.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Sentir en carne propia