Deixaron de ter valor as palabras, oficialmente. Sucedeu hai dez días, cando o presidente do Goberno de España convocou eleccións xerais. Quere dicir que todo o que se proclame puidera ser omitido. Quere dicir que os dicterios substituirán aos aprezos, as filípicas ás torcaces pombas da amabilidade, os alfinetes ás agullas de coser melancolías. Todo está permitido: poden prometer e prometen. As palabras, afirmo, evitarán toda fermosura e golpearán con rigor o lombo gris dos dicionarios. Quedará prohibido pronunciar sintagmas e fonemas que produzan alivio espiritual, digo, por exemplo, óbolo, vagalume, odalisca, marmaña, tarántula, valquiria, almanaque. Números, estatísticas, proxectos que non se cumprirán maioritariamente. Falarán do mal que o pasa vostede, incluso ousarán propoñer honras e altas glorias para todos aqueles que sofren. Será unha infame ficción. Dous meses despois, cando remate este proceso democrático que para min é prescindible (campaña, ¿para que?), todo volverá ao lugar que corresponde: a crise, a desilusión, o fracaso dun país pesimamente gobernado. Ninguén pediu desculpas. Incluso este que marcha foi incapaz de perdirnos perdón a todos. Perdón por negar a crise cando a crise era un vento fúnebre nas costas de Iberia. Perdón por prometer un millón seiscentos mil postos de traballo no ano 2008, antes das eleccións. Perdón por asegurar que a taxa de paro quedaría no oito por cento. Perdón por mentir e burlarse. E todo por continuar Moncloaneando. Deixaron de ter valor as palabras, oficialmente. Miñas donas e meus señores, estimados votantes, estamos en campaña. Bla, bla, bla.