Máis que cancións dun verán (II)


Quizais a canción máis inxenua da música lixeira española sexa La vaca lechera, que musicou no ano 1946 o mestre García Morcillo. A letra escribiuna un comisario de policía chamado Jacobo Morcillo, que, malia a coincidencia no apelido, non era parente do compositor. Foi nunha viaxe en tren a Galicia cando ao ver as vacas pacendo nos prados, se lle ocorreron aqueles versos que na primeira estrofa dicían: Tengo una vaca lechera,/ no es una vaca cualquiera,/ me da leche merengada,/ ¡ay! qué vaca tan salada,/ tolón, tolón, tolón, tolón.

Convencido de que escribira a letra dunha canción de éxito, ao chegar a Madrid levoulla ao músico, quen, nun plis plas, fixo a partitura. Pero o comisario pediulle que a estrease, e ata lle levou un cencerro para acompañar o tolón, tolón. García Morcillo presentouna na sala J?air de Madrid, e a orquestra tivo que repetila toda a noite. Aquela mesma semana cantábaa España enteira, en Gibraltar fixéronlle unha versión en inglés, e en Francia converteuse nunha canción infantil que competiu con Frère Jacques, Dormez-vous? O comisario Jacobo Morcillo escribiu despois a letra doutra canción, tamén disparatada e popularísima, que dicía: El dedo gordo del pie/ por la punta del zapato/ feo y chato se te ve.

Costa entender que un comisario de policía nos anos máis duros do franquismo fose letrista de cancións como La vaca lechera ou El dedo gordo del pie, pero sen a loucura da guerra civil, que o levou a infiltrarse entre os anarquistas e escribir os discursos de Durruti para poder boicotear os seus proxectos; ir voluntario na División Azul e ser escolta de Muñoz Grandes, aquel home sería un creativo que se movería como peixe na auga no mundo da farándula. Con García Morcillo é autor de moitas cancións, algunha tan inspirada como María Dolores: Dios te ha dado la gracia del cielo,/ María Dolores./ En tus ojos en vez de miradas/ hay rayos de sol. Como publicista creou para a TVE mensaxes de tanto éxito como: Esta noche, ¿qué? Esta noche, Flex ou Se ve la naranja. Sabe a naranja. Es Schweppes de naranja. Tamén lanzou ao mundo da canción ao fillo do xinecólogo da súa muller, un rapaz longueirón e fraco que se chamaba Julio Iglesias.

En Ferrol tivemos un comisario de policía, apelidado Aranda, que non sabía de música, pero cantou e desafinou cando, a comezos dos cincoenta, se encirrou en limpiar la ciudad de maricones. A redada empezou no Bar Zamora, na rúa do Carme, e cada día pelábanlle o pelo ao cero a unha ducia de coitados, que pasaban a ser víctimas da incomprensión e da burla popular. Pero o comisario Aranda descubriu que homes homosexuais habíaos tamén no clero, nos mandos militares e nas familias influíntes, así que tivo que poñer fin á súa cruzada. Ademais do dano irreparable que causou a moitas familias, conseguiu que en toda España esta cidade pasase a ser El Ferrol del Culillo, e que se nos fixesen cancións como estas dúas:

Cádiz tiene la fama/ de tierra de maricones/ y en Ferrol, que no la tiene,/ aparecen a montones.

¿Cuál es aquella ciudad/ que alumbran tantos faroles?/ Es El Ferrol del Caudillo/ pandilla de maricones.

sirolopezlorenzo@yahoo.es

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos

Máis que cancións dun verán (II)