Máis que cancións dun verán (I)


O invento da canción do verán é dos anos sesenta, pero os ferroláns da miña idade recordamos composicións musicais da nosa infancia que, por ledas e divertidas, poderían selo nos anos en que se deron a coñecer, aínda que nalgúns casos se converteron en éxitos perdurabeis. A primeira é a titulada El caimán, que o músico colombiano José María Peñaranda puxo no mercado discográfico no ano 1941. A España chegou con varios de retraso porque as autoridades temían que os versos Se va el caimán, se va el caimán/ se va para Barranquilla fosen utilizados pola oposición como unha sátira contra Franco. E tiñan razón, porque así foi. Unha tarde en que Alberto, Arturito e eu iámola cantando, inocentemente, polo Cantón, un señor moi serio díxonos que se non calabamos de contado chamaría aos gardas para que nos metesen no cagarrón. O curioso é que aquela cumbia leda e louca é hoxe un segundo himno de Colombia e ata Plácido Domingo a incluíu no seu repertorio de música lixeira.

No 1951, cando eu tiña oito anos, Arturito díxome que escoitara na radio unha canción preciosa que se titulaba Cabeça inchada, e cantouma. Quizais porque Arturito desafinaba pareceume horrorosa, pero daquel baión do brasileiro Hervé Cordovil, que dicía: Eu tô doente morena/ doente eu tô merena/ cabeça inchada morena/ tô, tô e tô, fixéronse en pouco tempo incontabeis gravacións en Europa. En España foi un exitazo cando o gravou Lolita Garrido, no 1954. Despois, a finais dos sesenta, o venezolano Henry Stephen cantou Mi limón, mi limonero con anacos de Cabeça inchada: Ai, morena, moreninha meu amor/ você diz que por min chora, morena/ mentira, morena/ não chora morena/ não chora não. E volveu triunfar.

Un baión era tamén El negro zumbón que Silvana Mangano cantou e bailou na película Anna, no 1951, e que provocou tantos infartos como seis anos antes causara Rita Hayworth, quitando a luva en Gilda. O negro zumbón que repicaba a zambomba e chamaba á muller foi un fixo nas peticións do abonado en Radio Ferrol, cantouse en todas as parrandas da cidade, e aínda hoxe nos permite aos vellos evocar a sensualidade daquela muller belísima, que non puido ser miss Italia porque topou con Lucía Bosé.

Polo mesmo tempo popularizárase a canción ¿Qué te parece, Cholito?, do panameño Ulpiano Herrera, que permitiu aos ferroláns mostrar o noso enxeño argallando estrofas entre retrouso e retrouso: Ti pensas que son do Val/ e sonche de San Mateu/ se querías enganarme/ máis listo ca ti son eu/ Cholito/ ¿qué te parece, Cholito?/ ¿Qué te parece?

O humor popular creara en Ferrol cancións brevísimas como a de Arturito Cagallón: La parada que tú hiciste/ Arturito Cagallón/ nunca te creí capaz/ de parar ese balón. Outras procaces, como a de Palmira: La conacha de Palmira/ tiene dos departamentos/ uno para los soldados/ otro para los sargentos. Pero na miña opinión a composición ferrolana máis orixinal e surrealista é a do cura de Caranza: El cura de Caranza/ güi, güi, güi/ duerme en el suelo/ dengue, dengue, dengue/ duerme en el suelo, litón/ litón, litón, litón/ Por no romper la manta/ güi, güi, güi/ duerme en el suelo/ dengue, dengue, dengue/ duerme en el suelo, litón/ litón, litón, litón.

Fantástica.

sirolopezlorenzo@yahoo.es

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos

Máis que cancións dun verán (I)