Un manchego en Ferrol (I)

POR SIRO

FERROL

24 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Chamábase Luis Ruiz Yepes e nacera nunha familia humilde no pobo manchego de Huerta de Valdecabanos. Como nunha novela romántica, aos catorce anos deixou a casa e marchou a Madrid, onde traballou limpando as caldeiras das locomotoras na estación de Delicias. O pai foino buscar, pero non o recoñeceu, de tanto tizne como tiña na cara, e el non se identificou.

Trocou axiña aquel traballo polo de aprendiz de mecánico de coches, e en canto puido sacou o carnet de conducir, que foi o número 24 en España. O xeneral Luis Mariñas tiña que vir de Madrid a A Coruña, e contratouno como chófer. No camiño uns soldados informaron ao xeneral de que se proclamara a dictadura de Primo de Rivera.

En Coruña Luis descubriu o mar e o marisco, que serían dúas das paixóns da súa vida. O xeneral Mariñas meteuno a traballar na fábrica textil dos Molezún Núñez, e cando, despois dun lance cabaleiresco no que saiu en defensa dunha xove compañeira, acosada polo encargado, tivo que deixar a empresa, recomendouno para que entrase de mecánico no Parque de Artillería, en Ferrol. E aquí quedou porque, despois dun intento fallido de facerse torpedista da Armada, entrou na Constructora para traballar en Monturas a Flote; casou con Antonia Pérez Blanco, unha ferrolana que viñera de Cariño, e puxeron casa nun baixo da rúa Taxonera, moi perto da marisquería Casa Juan.

Como Luis era home activo, foron chegando ao fogar cinco fillas e un fillo -Antía, Rosario, Calixta Rosa, Elisa, María e Gregorio-; e como era emprendedor empezou a buscar a peseta desguazando algúns pequenos pesqueiros vellos ou accidentados. O negocio prometía e decidiuse a deixar a Constructora cando o goberno puxo en marcha o Plan Renove, para substituir nos barcos as máquinas de vapor por motores. Luis empezou mercando pesqueiros, pero despois atreveuse con anacos dos gardacostas Sálvora e Cíes, e logo do buque italiano Trieste. Case sen darse conta convertérase nun importante empresario, pero tamén nun competidor para outros rexamente asentados, con apoios nas institucións, e eso creoulle problemas. Cando no 1960 gañou a subasta para adquirir o buque Velasco, que estaba en Cartagena, o oficial ao mando negouse a entregarllo. Foi un ordenanza do Ministerio de Mariña, ferrolán e irmán do dono do café Tupinamba, quen conseguiu que o ministro Felipe Abarzuza y Oliva recibise a Antía, a filla maior de Luis, para que lle explicase a situación. O ministro deu as ordes oportunas e o buque foi entregado. Pero pasaran tres meses nos que Luis tivera que facer fronte a gastos importantes. Aos bancos non podía pedir máis, e foi Santiago Castro, o concesionario en Ferrol das máquinas Sigma, quen lle fixo o préstamo cun rédito moi razonable.

Ao Velasco seguiron os Churruca, Gravina, Lazaga -que desguazaron na Cabana-, Cánovas del Castillo, Alcalá Galiano, Canarias, Galicia -antes Alfonso XIII, logo República- e moitos máis, entre os que destaca un submariño alemán da Primera Guerra Mundial, afundido na ría de Ferrol, que Luis atopou despois de procuralo durante moito tempo. Pero esta é outra historia que merece un segundo capítulo.

sirolopezlorenzo@yahoo.es