«Non pechamos ningún camiño a pactar pola esquerda ou co PP»

Luís A. Núñez FERROL / LA VOZ

FERROL

Da lista de Gato di que «a xente non entendeu que el non se presentaba»

26 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

José Manuel Blanco (Serantes, 1952) superou raspado o seu primeiro exame coas urnas. Aínda así, unhas duascentas papeletas convertérono no candidato máis votado en Narón, polo que a súa lectura da cita electoral non deixa de ser «moi positiva». Porque, lembra, «aguantamos a marea do PP, como cando foran os dez millóns de votos do PSOE no ano 83». Aquilo supuxo «un impulso co que seguimos crecendo», por iso non dubida de que as urnas seguirán igualmente respaldando as políticas «de grupo» de Terra Galega dentro de catro anos.

-Hai tempo que di que non ocupará o cargo máis de dous mandatos. ¿Onde estará no 2015?

-Aínda falta moito e poden pasar miles de cousas. Pero daquela terei 63 anos e sería un bo momento para abrir a outras persoas esta lista. De todos modos, é unha decisión que tería que tomar co partido.

-Despois de saborear as meles da victoria, toca traballar de cara á investidura. ¿Cales son as súas expectativas?

-Nesta semana estamos moi relaxados. Díxenlle a todos que se dedicaran ás súas delegacións e a vindeira semana se chamarán a todos os grupos, do máis pequeno ao máis grande.

-¿Pero cal sería a preferencia?

-Non pechamos ningún camiño a pactar pola esquerda ou co PP. Incluso poderíamos ir en solitario, pero o lóxico sería un pacto de lexislatura para ter certa seguridade nos temas importantes. Pero non queremos apresurarnos. Preferimos perder tempo na negociación para que non suceda o de hai catro anos, cando non quedou suficientemente claro qué responsabilidades tiña cada un.

-¿Que requisitos poñen?

-Hai unha serie de puntos vitais, como as inversións dos plans Feder e seguir coas zonas verdes. Son algúns dos temas nos que temos que chegar a un acordo. Incluso que temos que ter o apoio para que outras administracións se comprometan co desenvolvemento de Narón.

-¿Como interpreta a entrada do partido de Gato na corporación?

-Os resultados obtidos representan que aínda hai xente que cre que é necesario. Foi a inercia da persoa, e non as súas siglas, porque a xente seguiu sen entender que el non era o que se presentaba.

-Ademais de Narón, ¿que futuro lle queda a Terra Galega?

-Seguimos sendo a cuarta forza política de Galicia, con 23 concelleiros e sendo chave en tres municipios. E temos que seguir construíndo a alternativa galega que somos pero paso a paso, porque as experiencias que tivemos con fichaxes estrela deron un resultado nefasto. A medio prazo, o nacionalismo progresista tense que agrupar, pero a través do traballo do día a día nos concellos.

-Co cambio do panorama político na comarca, ¿cara onde camiñan as relacións entre concellos?

-Desexo que o PP, que agora ten maiorías na comarca, se siga implicando na Mancomunidade e no desenvolvemento de servizos para os veciños.

José manuel Blanco suárez alcalde de narón (terra galega)